Skip to main content

Educación promociona o Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) no Salón Internacional do Estudante e a Oferta Educativa (Aula)

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vai participar no Salón Internacional do Estudante e a Oferta Educativa (AULA 2006) que se celebra en Madrid do 8 ao 12 de marzo. En concreto, a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) figura como coexpositor xunto coas tres universidades galegas no stand propio co que asistirá o SUG. Inaugura este certame a Infanta Dna. Elena de Borbón. Ao acto tamén asiste a ministra de Educación e Ciencia, María Jesús San Segundo.

Esta iniciativa responde a un dos obxectivos desta Dirección Xeral do departamento educativo de Galicia para o ano 2006; isto é, promocionar e difundir o SUG.

O stand co que o Sistema Universitario de Galicia participa nesta feira ten 52 metros cadrados e está atendido por funcionarios de orientación das universidades, coordinados polo servizo de apoio e orientación da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG.

Entre a información que se facilita no stand galego figura a organización do sistema educativo de ensino superior na Comunidade. Ademais da oferta de titulacións universitarias que se poden cursar en Galicia, o persoal da Consellería informa sobre as ensinanzas superiores non universitarias, isto é, a Formación Profesional de grao superior e as Ensinanzas Artísticas.

O Salón AULA 2006 está promovido polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC). Nesta edición ofrece unha completa panorámica das últimas propostas en materia de formación, desde as titulacións universitarias de practicamente todo o territorio nacional e outros estudos superiores, ata ciclos de grao medio e superior, estudos de posgrao e propostas institucionais de formación e emprego.

Ademais, esta feira tamén informa sobre as propostas de e-learning e os servizos de orientación ao estudante na procura do primeiro emprego. Completan a oferta de AULA 2006 organizacións non gubernamentais e un amplo programa de actividades deportivas e divulgativas.

Paralelamente, celebraranse unhas xornadas Técnicas dirixidas a distintos colectivos: alumnos de educación secundaria e bacharelato, alumnos universitarios, profesorado e responsables educativos, pais e nais de familia. Estas conferencias versarán sobre temas como a mellora da convivencia nos centros educativos, a creación de viveiros de empresas, o novo deseño dos estudos de grao nas Universidades, o sistema de intercambio entre centros das universidades españolas (SICUE), e o programa ERASMUS, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia