Skip to main content

Galicia e Perú colaboran en materia de formación pesqueira

Dende o pasado mes de xaneiro, técnicos da Xunta de Galicia están formando a un equipo de extensionistas pesqueiros do Goberno peruano para levar a cabo un proxecto piloto nas rexións de Tumbes e Piura, ao norte de Perú. A iniciativa enmárcase dentro dun convenio de colaboración asinado o ano pasado entre a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta e o Ministerio da Produción do país andino. O orzamento global deste proxecto supera os 92.000 euros, dos que máis de 75.000 son aportados polo Executivo galego.

Os axentes de extensión da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos formarán en materia pesqueira ás persoas que integran o equipo peruano, co obxectivo de que estes formen despois, á súa vez, aos pescadores artesanais do norte do seu país para que poidan avanzar profesionalmente.

Formación na pesca de baixura e o marisqueo

Nun principio, está previsto que a estadía en Galicia dos axentes peruanos se prolongue ata o vindeiro mes de abril. Durante este período, os membros do Ministerio da Produción estarán en contacto permanente co sector pesqueiro galego, acompañarán aos inspectores do Servizo de Gardacostas da Xunta nalgunhas das súas xornadas de traballo e visitarán varios centros de investigación e formación da Consellería de Pesca, tales como o Centro de Investigacións Mariñas de Corón (CIMA) ou o Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Ila de Arousa (IGAFA). Os axentes galegos encargaranse de ofrecer asesoramento fundamentalmente na pesca de baixura e o marisqueo, dándolles a coñecer a lexislación galega nestes eidos e amosándolles a experiencia acumulada polos profesionais da nosa comunidade na explotación e xestión dos recursos pesqueiros.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia