Skip to main content

O presidente da Xunta nuncia que o proxecto de Lei Galega contra a Violencia de Xénero será remitido ao Parlamento o segundo semestre deste ano

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o proxecto de Lei Galega contra a Violencia de Xénero sexa remitido ao Parlamento o segundo semestre deste ano, “tras un intenso proceso de participación e elaboración”, precisou. Estas palabras, pronunciadas no Auditorio de Galicia de Santiago no transcurso dun acto conmemorativo do Día Internacional da Muller, foron recibidas con aplausos polo numeroso público asistente.

A intervención do máximo mandatario galego pechou a cerimonia de entrega de premios organizada pola Fundación Iniciativas 21, na que foron distinguidas 21 mulleres galegas pola súa especial traxectoria “cotiá” nos ámbitos empresarial, cultural, político, familiar, social e tamén persoal. Pérez Touriño loubou a súa experiencia, á que cualificou como “percorrido de reinvindicación e liberación”, que “se converte en instrumento precioso de cambio e de futuro”.

Na súa intervención, o presidente da Xunta recoñeceu que no camiño da igualdade quedan “moitos pasos por dar” e destacou que “a manifestación máis dramática da desigualdade é a violencia de xénero, a única forma de violencia que afecta á metade da humanidade”. “Atrévome a afirmar que a violencia de xénero é a violación dos dereitos humanos máis elevada, más xeralizada e máis tolerada socialmente”, censurou.

Neste sentido, manifestou a súa confianza en que a futura Lei Galega contra a violencia de xénero facilite que “o establecemento dun espazo social de seguridade para a muller fronte ás agresións” se converta “nun obxectivo ineludible”. Asemade, recordou que xa no mes de marzo será asinado o protocolo de actuación interinstitucional contra a violencia de xénero, “que permitirá implicar a todas as administracións coordinadas, facendo unha fronte común”.

O xefe do Executivo autonómico engadiu que no ámbito laboral é onde a Xunta está a traballar “con máis celeridade”. “Sabemos que en Galicia unha muller ten a metade de posibilidades de atopar traballo que un home”, recoñeceu. “A Lei para a Integración da Muller no Mundo Laboral virá a actuar directamente sobre esta situación e a establecer por fin un marco novo”, asegurou. Adiantou que este proxecto de lei será remitido ao Parlamento de Galicia no primeiro semestre do ano, coa finalidade de poder introducir canto antes “medidas de discriminación positiva” dentro do ámbito da negociación colectiva e tamén nas administracións locais, co fin de “facilitar e impulsar a conciliación da vida persoal e laboral”.

“Neste mes de febreiro acabamos de coñecer unha redución significativa do paro en Galicia, a maior en 4 anos, pero ten un sabor amargo, porque o 62% das persoas rexistradas nas oficinas de emprego seguen sendo mulleres”, lamentou. Non obstante, recordou que a Xunta xa está a traballar para facilitar a súa incorporación en terreos ata o de agora tradicionalmente masculinos.

Por outra banda, convencido de que “o maior reto é a conciliación laboral e familiar”, recordou que o Goberno galego está a finalizar “o novo decreto de comedores escolares”, para facer extensible o seu uso “como auténtico servizo social para toda a poboación”. Tamén indicou que xa está definida a rede galega de escolas infantís para nenos de entre 0 e 3 anos, un proxecto que “conlevará a posta en funcionamento nun primeiro impulso de 15 novas escolas infantís de ámbito comarcal”.

Emilio Pérez Touriño afirmou que “a loita contra a discriminación por razón de sexo, a necesidade de mover calquera obstáculo que impida que a cidadanía goce das mesmas oportunidades, é un mandato constitucional e estatutario, mandato por certo que o novo Estatuto ten que recoller aínda máis, se cabe”. “Quero comprometer como tarefa de país a emancipación e a seguridade das mulleres, a liberdade e a igualdade de oportunidades”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia