Skip to main content

A Secretaría das Mulleres do SLG denuncia no 8 de marzo a desigualdade das labregas por non regularse a cotitularidade nas explotacións

No Día da Muller Traballadora, a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego quere denunciar a especial discriminación que sofren as labregas. As mulleres labregas adoitan a ocuparse dos traballos domésticos, amais dos realizados na explotación. Por mor da falla de servizos que padece o noso medio rural, traballos domésticos no caso dunha labrega significa: coidado de nenos e nenas, asistencia a persoas maiores ou discapacitadas, e labores de fogar.

A pesares disto, a día de hoxe a Administración aínda non regulou o problema da cotitularidade, polo que o meirande das nosas labregas, mesmo as que cotizan á Seguridade Social, non figuran como titulares da explotación na que traballan. Isto fai que se produzan situacións de discriminación que non existen noutros sectores laborais, como a perda dos dereitos de produción en caso de separación do cónxuxe. A última situación discriminatoria denunciada pola Secretaría das Mulleres do SLG é a retirada da paga de 100 euros ao mes por ter fillos e fillas menores de tres anos ás mulleres labregas, precisamente por non ser titulares da explotación.

Trátase de mulleres que traballan, que cotizan á Seguridade Social, que cobran os cartos desa axuda porque teñen dereito a ela; pero ás que Facenda lles reclama a devolución deses cartos.

Emporiso, a Secretaría das Mulleres do SLG reclama este 8 de marzo que a Administración solucione de maneira urxente o problema da cotitularidade nas explotacións, un primeiro paso para comezar a paliar a especial discriminación que sofren as mulleres labregas do noso país.

Polo demais, o Sindicato Labrego Galego participará activamente nos actos que convocou a Marcha Mundial das Mulleres este sábado, 11 de marzo, en Compostela; e asistirá á manifestación convocada ás 18:00 horas na Alameda cunha pancarta que levará como lema “Labregas co feminismo: Imprescindíbel para sermos recoñecidas”.

Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego (SLG)