Skip to main content

Pérez Touriño asegura que a Cidade da Cultura é un proxecto estratéxico de gran alcance no que está inmerso todo o Goberno galego

O titular do Goberno autonómico, Emilio Pérez Touriño, asegurou que a Cidade da Cultura é un “proxecto estratéxico, de gran alcance e de país, que incumbe a todo o Goberno da Xunta”. “Como tal, e polo tanto, é seguido de maneira particular e coa máxima prioridade polo seu presidente”, afirmou.

“Estamos diante dunha grande inversión, dunha actuación sen precedentes que marcará un antes e un despois nos contenedores culturais dos que vai dispoñer Galicia e polo tanto dos proxectos culturais deste país”, así cualificou Pérez Touriño a Cidade da Cultura, tras recibir de mans do presidente do Consello da Cultura de Galicia, Alfonso Zulueta de Haz, o informe sobre a biblioteca e hemeroteca para este recinto. Para o xefe do Executivo galego “a cultura é un dos bens máis prezados que podemos ter como comunidade”, razón pola que “estamos ante unha das actuacións máis relevantes, máis potentes e máis importantes no eido cultural”. Neste sentido, subliñou que ”debemos mimar, coidar e acertar para lograr darlle unidade, contido e sentido a este gran proxecto”.

O presidente da Xunta lembrou a importancia de ter un tempo por diante, en referencia á paralización das obras na Cidade da Cultura, para “atopar a mellor redefinición”, na que destacou a relevancia de abrir este proceso á participación, como é o caso do Consello da Cultura de Galicia, a quen agradeceu a aceptación da petición que o titular da Xunta lles fixo o pasado mes de setembro.

O xefe do Goberno galego salientou esta participación por seren “o máximo órgano asesor e impulsor de consenso e concertación da cultura galega”. O titular da Xunta pediu ao presidente do Consello da Cultura de Galicia que continúe a súa labor de asesoramento na definición dos outros espazos que formarán parte deste proxecto.

Nesta liña indicou que a pretensión da Xunta é incorporalo como asesoría “privilexiada” á tarefa de redifinir e atopar a mellor solución para o que debe ser no futuro a Cidade da Cultura, posto que “estamos ante un proxecto indefinido, falto de contidos, polo que é necesario establecer cales serán os contidos que definan qué será a Cidade da Cultura”.

Informe

No documento entregado ao presidente da Xunta recóllese que a futura biblioteca debería articularse en base a catro eixos: reunir o patrimonio bibliográfico galego, asegurar a conservación do patrimonio bibliográfico galego, constituírse en cabeceira do sistema bibliotecario e bibliográfico galego e asegurar dentro e fóra da Comunidade o acceso á produción bibliográfica galega.

Tal e como sinalou o presidente do Consello da Cultura de Galicia, Alfonso Zulueta de Haz, “non se trata de facer unha biblioteca paralela ás xa existentes, xa que grazas ás tecnoloxías poden existir moitas cousas dixitalizadas” e “deberá ter unha concepción moderna ao servizo de país, explicou.

No que se refire á hemeroteca, o informe recolle que nela deben conservarse os medios no soporte no que foron editados e ofrecer a posibilidade de velos dixitalizados. Asimesmo porá a disposición dos usuarios unha base documental con datos de todos os fondos de medios de comunicación existentes en centros públicos e privados. Segundo o estudo estará asentada en cinco piares: ter unha concepción dinámica, acceso universal, ser un centro de referencia hemerográfica en Galicia, servir de dentro de difusión de información hemerográfica e ofrecer servizos no eido de hemerotecas e mediotecas.

O estudo realizouno unha comisión técnica do Consello da Cultura de Galicia formada por Alfonso Zulueta, presidente do Consello; Henrique Monteagudo, secretario do mesmo organismo; Xosé López, profesor da USC e coordinador da Seccion de Comuniació e director do arquivo de Comunicación; Manuel Díaz, membro plenario do Consello; Ramón Villares, catedrático de Historia Moderna; Francisco Fariña, director do Museo Provincial de Ourense; Iago Seara, coordinador das seccións de Arquitectura e Artes Plásticas do Consello; Carmen Pérez, vicedecana de Biblioteconomía de Documentación da Facultade Humanidades da UDC e Concepción Varela, xefa de sección de Biblioteconomía da USC.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia