Skip to main content

Traballo e Seguridade Social asinan un convenio pioneiro para subvencionar ata o 50% da cotización de cotitulares de explotacións agrarias

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e o secretario de Estado da Seguridade Social, Octavio Granado, asinaron en Santiago un convenio de colaboración entre a Consellería e o Ministerio de Traballo para a posta en marcha dunha liña de axudas dirixidas aos cotitulares das explotacións agrarias e, que beneficiará principalmente ás mulleres, xa que, aínda que non se trata dunha medida en si mesma dirixida ás mulleres as cifras avalan que a maioría dos titulares agrarios son homes, polo que as principais beneficiarias serán elas. Tratase dun convenio pioneiro no Estado, que segundo manifestou Ocatvio Granado esperase que “o resto das comunidades se sumen a esta iniciativa da Xunta de Galicia”.

Ricardo Varela sinalou que nos últimos 15 anos Galicia perdeu máis dun 50% de poboación afiliada ao réxime especial agrario da seguridade social, pasando de ter no ano 1990 un total de 142.000 afiliados a ter, no ano 2005, pouco máis de 58.500. Este contexto, segundo manifestou Varela, vese agravado pola “invisibilidade“ neste sector do traballo das mulleres “porque non está remunerado, non está recoñecido e non ten dereitos sociais”. Ademais, a situación da muller no agro caracterízase por verse limitada ao acceso a dereitos tan básicos como a cobertura da incapacidade temporal, as prestacións de xubilación, as baixas por maternidade e, polo tanto, “as mulleres vense abocadas a continuar supeditadas economicamente ao seu cónxuxe“.

O convenio asinado esta tarde ten como obxectivo tentar corrixir esta situación, ao establecerse un sistema de bonificacións para que as mulleres poidan darse de alta e pagar á Seguridade Social a súa cota, cunha bonificación do 50% que asume a Consellería de Traballo coa colaboración do Ministerio de Traballo. Ricardo Varela explicou que a Lei de Presupostos para o 2006, “xa incluía unha reducción a favor das cotitulares de explotacións agrarias do 30% das cotas durante 3 anos”, sempre que se trate de persoas menores de 40 anos e que o cónxuxe, cotitular da explotación, estea dado de alta no Réxime Especial Agrario. “Galicia precisaba dun esforzo adicional”, debido a que o nivel de rendas das explotacións tivo unha evolución por debaixo do conxunto do Estado.

O titular de Traballo quixo destacar que “o Galego é o primeiro goberno autonómico que aposta por este incremento da bonificación estatal”. Trátase, segundo Varela, “dunha aposta orzamentaria de primeiro nivel para acadar a igualdade de oportunidades no rural galego”, incentivando a incorporación das mulleres, nas mesmas condicións que os homes, polo que “é o menos que se pode facer para tentar saldar a débeda de Galicia cas súas mulleres do rural, mulleres curtidas e todoterreos que foron, son e seguirán a ser os piares do noso país” afirmou o conselleiro.

Coa posta en marcha desta medida “as mulleres verán como a súa cotización se reduce en 61,64 euros ao mes, ou 739,68 euros ao ano, durante os tres primeiros anos de alta na seguridade social”. Varela explicou que existe unha partida orzamentaria aberta para cubrir todas as solicitudes que se presente, que segundo as estimacións de Traballo poderían chegar aos 10.000 cotitulares.

Esta liña de axudas está destinada a favorecer a cotización á Seguridade Social dos cotitulares de explotacións agrarias, cun baixo nivel de renda, que complemente a reducción do 30% nun 20% máis. Segundo figura no convenio asinado esta tarde en Santiago, a Secretaría de Estado da Seguridade Social, cunha periodicidade trimestral, facilitará á Administración Autonómica a relación de beneficiarios acollidos á reducción de cotas estatal. Nesta relación figurarán os datos de identificación dos beneficiarios acollidos á reducción, así como o cálculo da porcentaxe de subvención que a Consellería outorgará a cada solicitante.

A adopción desta medida positiva que incentiva a afiliación á Seguridade Social dos cotitulares de explotacións familiares agrarias, a través de reduccións temporais na cotización é un elemento fundamental na reforma da Seguridade Social Agraria e unha potenciación dos mecanismos que favorecen a igualdade material entre mulleres e homes. Así, este protocolo de colaboración ven demostrar que “a loita contra a invisibilidade das mulleres do rural revélase para o actual Goberno como cuestión de primeira orde”, declarou o titular de Traballo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia