Skip to main content

Pesca financia cun millón de euros un estudo para aforrar ata un 30% os costes do combustible nos barcos

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos presentou de xeito oficial no porto de Celeiro o grupo de traballo que está a levar a cabo o primeiro proxecto que se leva a cabo en Galicia para o uso de enerxías alternativas nos barcos de pesca. O departamento que dirixe Carmen Gallego Calvar financia cun millón de euros esta iniciativa na que colaboran investigadores de diversas comunidades autónomas e que ten como principal obxectivo evitar que o incremento do prezo dos combustibles tradicionais, tal e como vén pasando nos últimos anos, perxudique economicamente ao sector pesqueiro galego. Deste xeito, perséguese unha redución dos costes derivados do consumo enerxético dos barcos dun 30%.

Os expertos que participan no proxecto, no que tamén colaboran empresas
como Gas Natural, Repsol YPF, o Instituto Enerxético de Galicia e o
Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, traballan na
procura dunha metodoloxía aplicable a todo o sector mediante o proxecto
piloto que están levando a cabo no buque “Santiago Apóstol”.

O traballo financiado pola Consellería de Pesca ten varias liñas de
actuación: En primeiro lugar, poñer en marcha un sistema de captura de
datos que ofrecerá un exemplo práctico do que é unha marea nun determinado
tipo de barco para establecer deste xeito a correspondencia entre o consumo
de combustible, tanto en navegación como en pesca, e o estado operativo do
barco. Por outra banda, perséguense medidas de aforro e eficiencia
enerxética en temas de iluminación ou climatización. Asimesmo, procúrase
demostrar a viabilidade técnica e económica de empregar gas natural e
gas licuado do petróleo como combustible nos barcos, o almacenamento do
devandito combustible, o cambio de motores e a operatividade dos barcos
coas enerxías alternativas.

O barco “Santiago Apóstol”, cedido para o seu uso neste proxecto pola
Confraría de Pescadores de Celeiro, é un buque do pincho, de 33 metros de
eslora e cunha antigüedade de 35 anos. Actualmente, este pesqueiro está
dotado dun motor diésel de 600 CV que, a través dunha redutora, move a
hélice de propulsión. Ademais, ten dous grupos xeneradores de 90 KVA para
suministro eléctrico.

Nesta última semana estiveron visitando en Celeiro o proxecto coordinado
pola Fundación adscrita ao Protectorado de Pesca CETPEC (Centro
Tecnolóxico da Pesca de Celeiro), técnicos de empresas enerxéticas como
Repsol e Gas Natural, as universidades de A Coruña, Santiago de
Compostela e a Politécnica de Madrid.

Con esta aportación económica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos,
iníciase xa a búsqueda de solucións ao aumento do prezo do combustible
que dende o novo Goberno galego se entende que supón un grave risco para a
viabilidade do sector pesqueiro galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia