Skip to main content

O director xeral de Comunicación Audiovisual achega o espazo europeo de educación superior á Escola Naval de Marín

Fernández Iglesias estivo acompañado na visita de José Mª Pousada, director da E.T.S. de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo. A visita tivo ademais outros dous obxectivos. Por unha banda, entablar contactos que intensifiquen as relacións entre as Forzas Armadas e a sociedade civil e por outra, Fernández Iglesias intercambiou impresións sobre os novos modelos de educación superior no contexto do proceso de converxencia europea, tanto en materia de telecomunicacións como doutras titulacións universitarias de interese para o Exército. Entre outras, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual ten competencias sobre as redes de telecomunicación institucionais da Xunta de Galicia.

Segundo anticipou o Ministro de Defensa José Bono na derradeira Pascua Militar, estase a estudiar a creación dunha Universidade da Defensa Nacional para que todos os oficiais españois poidan acadar un título universitario como parte do seu proceso de formación militar. Este proxecto suporía de feito a converxencia entre os modelos de educación superior civil e militar, o que crea novas posibilidades de colaboración entre a Escola Naval e as universidades galegas. En concreto, xa existe unha longa historia de colaboracións en materia de telecomunicación, colaboración que podería servir de xermolo para novas iniciativas como as titulacións de máster conxuntas no eido das telecomunicacións avanzadas, a formación continua dos profesionais destas institucións, ou acordos en materia de formación de investigadores.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia