Skip to main content

Pérez Touriño manifesta o compromiso do Goberno da Xunta de transformar e pór en valor a realidade do campo galego para garantir o seu futuro

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, manifestou o “compromiso pleno” do Goberno que preside coa posta en valor e a transformación do medio rural galego, co fin de garantir o seu futuro. Durante a inauguración do VII Congreso Nacional de Unións Agrarias-UPA, o titular do Goberno autonómico comprometeuse a dotar ao medio rural dunha rede de servizos similares aos existentes na Galicia urbana.

“A Galicia rural será a demostración de que existe outra maneira de gobernar neste país, de que é posible”, sinalou Pérez Touriño, engadindo que vivir e traballar no campo ten que ser un orgullo e unha posibilidade e non un castigo, unha sorte de desterro de onde foxen os mozos e as mozas na procura de oportunidades lonxe da Galicia rural e lonxe de Galicia mesma”.

O obxectivo último é, en palabras de Touriño, que ninguén marche do medio rural obrigado pola falla de servizos, de oportunidades de vida, pola falla de perspectivas. Por iso, anunciou que o Goberno que preside vai investir, este mesmo ano, 150 millóns de euros nun programa de reequilibrio territorial, un plan que estará presentado no Parlamento antes do mes de xuño, e que irá destinado a garantir programas específicos, dotacións, equipamentos e servizos que permitan buscar “ese reequilibrio, esa discriminación positiva en relación á Galicia rural.

Así mesmo, desde a Xunta “impulsaremos a formación e a capacitación” das persoas que se queiran instalar no medio rural”, indicou Pérez Touriño, fomentando o relevo xeracional co fin de que, nesta lexislatura, se poidan incorporar á actividade no medio rural 5.000 persoas.

De igual xeito, o máximo mandatario autonómico anunciou que, neste mesmo exercicio, se vai levar ao Parlamento a Lei para a creación dun banco de terras, unha normativa que, asegurou, “faremos con rigor e con consenso” e que permitirá incrementar a base territorial das explotacións, a mobilidade e posta en produción de superficies útiles, hoxe abandonadas. “Temos que afrontar este problema”, sinalou Touriño, por iso, engadiu, “lle pedín, desde un primeiro momento, ao conselleiro de Medio Rural, que priorizara esa Lei de creación do bando de terras”, para que sexa “un instrumento útil para o futuro do noso campo, da nosa agricultura e da nosa gandería”.

Subvención do 50% da cota da Seguridade Social Agraria
Na súa intervención, o titular da Xunta lembrou, ademais, medidas xa postas en marcha para a mellora da calidade de vida no medio rural. Así, indicou que onte mesmo se asinou un “importante convenio co Ministerio de Traballo” para subvencionar o 50 por cento da cota da Seguridade Social Agraria dos cotitulares das explotacións. Un convenio que, segundo Touriño, vai afectar principalmente ás mulleres, unhas 10.000 en toda Galicia, que son cotitulares de explotacións agrarias, permitíndolles o acceso a un maior nivel de prestacións e á percepción de pensións no futuro. “Este foi un compromiso que no seu día asumín diante de vós, e hoxe veño dar conta do seu cumprimento”, remarcou o presidente da Xunta.

A esta actuación tamén hai que engadir a entrada en vigor, no ano 2007, da Lei de dependencia, que “supón unha oportunidade histórica de progreso nas zonas rurais da que temos que tirar vantaxe”, dixo o xefe do Executivo galego. A aplicación desta lei vai ter dúas consecuencias importantes: as persoas con dependencia nas zonas rurais, especialmente os maiores, poderán contar con mellores servizos asistenciais; e os familiares que presten os coidados ás persoas en situación de dependencia van ser remunerados por facelo, polo que vai aparecer un importante volume de actividade laboral no rural, permitindo diversificar as fontes de renda.

Por outra banda, o titular da Xunta sinalou que o Goberno que preside tamén vai atender a reparación dos danos que causa a fauna salvaxe nos cultivos. Neste sentido, subliñou que a Consellería de Medio Ambiente está a ultimar unha liña de axudas directas de compensación polos datos causados polos xabarís nos cultivos, ademais de axilizar os trámites na concesión de axudas polo ataque do lobo.

Galicia, marca de calidade

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño considerou “de xustiza” recoñecer a dignidade do traballo dos homes e mulleres que producen produtos saudables, de alta calidade e a un prezo que os fai accesibles a todos, así como que os gandeiros e agricultores reciban un prezo digno polo froito do seu esforzo. De aí que comparta “plenamente”, dixo, o lema baixo o que se está a celebrar este congreso, “Pola dignificación do noso traballo. Prezos para os nosos produtos”.

Pérez Touriño comprometeu, ademais, o esforzo do Goberno que preside por converter a Galicia nunha “marca de calidade na produción agroalimentaria e unha garantía de boas prácticas produtivas”.

Así mesmo, o presidente da Xunta referiuse a que, “despois de terse demandado durante longos anos, veñen de abrirse mesas de negociación nos sectores do viño e do leite”, algo que considerou positivo, sinalando que desde a Administración galega, “esperamos e apoiamos que estas mesas dean como resultado prezos que supoñan unha remuneración digna polo voso traballo”.

Nesta mesma liña, o máximo mandatario autonómico quixo agradecer a implicación dos gandeiros galegos no último Plan Lácteo, que permitiu que as explotacións da Comunidade gañasen máis dun 7 por cento de cota leiteira, acadando case o 40 por cento da cota láctea de España, e permitindo que preto de 300 mozos puidesen iniciar a súa actividade ao longo de 2005.

“Desde o Goberno da Xunta –asegurou Emilio Pérez Touriño-, estamos seguros de que hai futuro para o campo galego, pero tamén que é preciso reorientar as políticas levadas a cabo ata agora e que o faremos mediante iniciativas lexislativas e a acción do Goberno cotiá. A Lei de mobilidade das terras, o Fondo Galego de Garantía Agraria, as leis específicas para monte ou viño, ou a Lei de reforma de concertación parcelaria verán a luz nesta lexislatura, abrindo un horizonte e un camiño de esperanza certa para a Galicia rural e para os agricultores e gandeiros da nosa terra” concluíu.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia