Skip to main content

O escritor Ernesto Sábato arroupa a homenaxe aos exiliados galegos organizada pola Xunta na Arxentina. O presidente da Xunta afirma que o Centro Galego de Bos Aires resume de xeito exemplar a historia da emigración galega

O veterano escritor arxentino Ernesto Sábato foi o indiscutible protagonista do acto de homenaxe aos exiliados galegos organizado pola Xunta de Galicia no marco da viaxe do presidente galego á Arxentina e Uruguai. O coñecido Café Tortoni de Bos Aires foi o escenario elixido para este evento, que contou tamén coa participación do membro da Real Academia Galega Xosé Luís Axeitos, o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, e do propio presidente galego, Emilio Pérez Touriño.

A planta baixa do Café Tortoni recuperou a atmosfera de tantos encontros da intelectualidade galega e Arxentina que o fixeron famoso. Ernesto Sábato amosou o seu sincero interese por participar neste acto, no que foi presentado o libro de Fernando Salgado A voz desterrada, sobre a vida e a obra de Lorenzo Varela. O mesmo Fernando Salgado desvelou, na súa intervención, o porqué da desinteresada presenza do autor arxentino no evento: Sábato e Varela mantiveran unha estreita amizade durante o exilio do escritor de Monterroso na Arxentina e, de feito, é moita a correspondencia entre ambos conservada.

Así pois, a repleta sala de actos culturais do Café Tortoni agardou expectante a intervención do escritor arxentino, quen aproveitou a ocasión para “expresar ao pobo galego o afecto e a admiración máis profunda”. O veterano escritor recordou as imaxes que garda no seu maxín de “inmigrantes galegos admirados, sufridos e ledos que enriqueceron o país co seu traballo”.

Sábato lembrou as súas visitas á Coruña, Betanzos, A Toxa e “á incrible Santiago de Compostela, unha das cidades máis fermosas do mundo”. Explicou que precisamente na capital galega dera hai anos unha conferencia de homenaxe á emigración galega, “centos de miles de homes e de mulleres que creron que valía a pena dar o mellor de si en terras lonxanas daquela fermosa Galicia, da que marcharan para non volver”. “Por iso é importante coincidir hoxe na presentación do libro de Fernando Salgado, A voz desterrada, sobre o exilio que tan tráxica e profundamente marcou a vida de tantos galegos”, opinou.

O auditorio do Café Tortoni escoitou en impresionante silencio a intervención de Sábato, quen finalizou explicando a alusión ao exilio que el atopa sempre nos versos de Rosalía de Castro. “Versos que lin tanto”, recordou, antes de recitar coa súa fráxil voz, para a emoción de moitos dos presentes: “Adios ríos, adios fontes, adios regatos pequenos...”

Como é lóxico, a intervención de Ernesto Sábato foi o momento culminante da presentación do libro de Fernando Salgado, quen recoñeceu estar vivindo unha realidade que superaba un dos seus maiores soños, facer unha homenaxe ao exilio galego no Café Tortoni. “Esta homenaxe chega arroupada por unha das glorias da humanidade”, dixo, “por se fora pouco, tamén arroupado polo presidente da Xunta de Galicia”, engadiu.

Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño fixo unha breve semblanza da traxectoria vital de Lorenzo Varela, coma un dos representantes da intelectualidade galega que fixo do exilio o escenario de creación da súa obra. O presidente galego destacou tamén o labor de mutua colaboración cultural entre os exiliados galegos e a intelectualidade arxentina no que cualificou coma “unha homenaxe sinxela pero emocionada”. Por último, destacou que “Arxentina e Galicia se funden nunha aperta de profunda gratitude”.

Visita do presidente da Xunta de Galicia ó Centro Galego de Bos Aires: resumo exemplar da historia da emigración galega

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, afirmou que o Centro Galego de Bos Aires “resume de xeito exemplar” a historia da emigración galega. O mandatario autonómico fixo esta valoración no transcurso da súa visita ao emblemático centro, ao que acudiu acompañado pola conselleira de Sanidade, María José Rubio.

O presidente da Xunta tiña especial interese en incluír na axenda da súa primeira visita oficial á Arxentina un percorrido polo Centro Galego de Bos Aires, que acaba de renovar as súas instalacións na terceira e cuarta planta. Así pois, Emilio Pérez Touriño puido comprobar os resultados das obras na planta de Maternidade e Neonatalidade, e, posteriormente, na de Pediatría. Trátase dunha mellora que permitirá que o total de camas habilitadas para internamento pase das 179 que había anteriormente a un total de 304.

Na súa intervención, Pérez Touriño quixo, en primeiro lugar, felicitar ao Centro Galego de Bos Aires pola súa extensa traxectoria, que en 2007 o converterá en centenario. Púxoo como exemplo da historia da emigración galega pola súa posta en valor da “colaboración, cooperación e unión” que fixo posible que “entre todos” se erguese a “bandeira da solidariedade”.

Ao seu xuízo, este centro galego é un exemplo “dunha emigración que significa ser capaces de avanzar e de aprender”, que constitúe unha mostra “de cultura e de solidariedade, de avance no sistema de benestar”. “Galicia séntese en permanente debedora da súa achega”, destacou.

Asemade, o presidente autonómico indicou que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emigración e a Consellería de Sanidade, traballará “arreo”, con vontade de diálogo e de cooperación, para que o Centro Galego de Bos Aires e o seu hospital sigan “co fermoso traballo de manter viva a dignidade dunha comunidade”.

Por último, Pérez Touriño plasmou no libro de ouro do Centro Galego de Bos Aires o seu convencemento de que esta institución “seguirá a ser unha embaixada de Galicia, da mellor Galicia”.

Á súa chegada, o máximo mandatario autonómico foi recibido polo presidente do Centro Galego de Bos Aires, Rogelio Ucha Alonso, quen lle amosou as instalacións, acompañado pola xunta directiva da institución. Na súa intervención de benvida, Ucha agradeceu especialmente ao presidente galego a súa presenza no centro por ter cumprido a súa palabra de facer a súa primeira viaxe institucional ao estranxeiro á Arxentina.
Gabinete de Comunicacion da Xunta de Galicia