Skip to main content

Pérez Touriño estima que nos anos 2006 e 2007 Galicia experimentará un crecemento económico dun 3'6%

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, afirmou que o Goberno galego estima que nos anos 2006 e mesmo 2007 Galicia experimentará un crecemento económico dun 3,6%. Pérez Touriño fixo estas declaracións no transcurso dunha conferencia ante medio centenar de persoas, entre as que figuraban uns 30 empresarios galegos, 15 galegos afincados na Arxentina e representantes de centros galegos neste país latinoamericano.

Este acto correspondeu á terceira xornada do presidente en Buenos Aires, que unha vez máis tivo un marcado compoñente económico. O recinto feiral La Rural foi de novo o escenario para este encontro, no que o presidente galego expuxo a súa visión optimista da evolución económica de Galicia, sobre todo á vista dos últimos datos do paro e das cotizacións á Seguridade Social.

Galicia, ao seu ver, “coñeceu un proceso de crecemento e fortaleza como rexión e como comunidade”, destacou. Recoñeceu que “é certo que temos problemas que obrigan ao Goberno que presido a reorientar a política económica”, dado que os últimos datos de crecemento revelan un diferencial de 6 puntos na taxa de crecemento respecto á comunidade española que máis progresou. Tamén manifestou a súa preocupación polas taxas de precariedade laboral que sofren “os colectivos máis débiles, as mulleres e os mozos”.

Todos estes motivos fan que o Goberno galego se estea a plantexar “un novo impulso”, co obxectivo de conseguir un ritmo rápido e intenso, ao tempo que “sostible e estable”, e garantir a calidade e a eficacia dos servizos públicos. Neste sentido, Pérez Touriño afirmou que “o impulso da economía pivota sobre a necesidade de incrementar a productividade”.

Para conseguir este obxectivo, o presidente galego fixo fincapé en que é preciso adoptar políticas de innovación; investir en capital humano; impulsar a iniciativa privada e a cooperar con esta, crear unha base de “cultura autenticamente emprendedora” e, por último, incidir na política de mellora de infraestruturas, transportes e comunicacións.

Touriño destacou que a posta en marcha de todas estas medidas está necesariamente ligada á necesidade de estar ao día no campo das novas tecnoloxías, así como da colaboración entre as empresas e a universidade.

Por último, o presidente da Xunta agradeceu a asistencia dos empresarios congregados no recinto de La Rural e reiterou a súa intención de “estreitar lazos no futuro sobre bases concretas”, coa intención de “avanzar xuntos por un escenario mellor de crecemento, solidariedade e xustiza para os nosos cidadáns”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia