Skip to main content

A Xunta e o Instituto de Cine Arxentino asinan un convenio de colaboración para a promoción do cine galego

O Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño e o Presidente do Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais de Arxentina (INCAA), Jorge Álvarez, asinaron en Mar del Plata un convenio de colaboración para estreitar os lazos de cooperación entre o cine galego e o arxentino.

En concreto, o Instituto Nacional de Cine Arxentino comprometeuse a organizar unha semana de cine galego en setembro de 2006 en todas as salas do instituto así como a crear unha sección especial de cine galego dentro do Festival Internacional de Pinamar. Pola súa banda o Goberno galego organizará unha mostra de cine arxentino en Galicia e iniciará conversacións para establecer sistemas de distribución cinematográfica entre Galicia e Arxentina.

O Presidente da Xunta, que foi nomeado huesped de honor da cidade de Mar del Plata, afirmou na sinatura do convenio que “acabamos de escribir unha nova páxina en materia de cooperación cinematográfica entre Galicia e Arxentina. A industria do cine, permítenos reforzar os entrañables vínculos que a historia e a cultura teceron entre os nosos países”.

Touriño destacou os proxectos de cooperación levados a cabo nos últimos anos como Cama adentro; No sós vos, soy yo ou Trawnco reunidos junto al agua e sinalou que están en fase de producción títulos como: Abrígate, El ratoncito Pérez e La velocidad funda el olvido.

O presidente do Goberno asegurou que “Galicia, gracias ao esforzo e creatividade dos seus emprendedores e profesionais do sector, está a desenvolver unha industria audiovisual que xa empeza a gozar de prestixio máis alá das nosas fronteiras”, e sinalou que o sector audiovisual “é estratéxico nas prioridades do Goberno que presido”.

Presenza de empresas galegas

No acto de sinatura deste acordo estiveron presentes numerosos directores e actores do cine arxentino, como o actor Eduardo Blanco, así como empresas do sector audiovisual galego, que aproveitaron o Festival Internacional de Cine de Mar del Plata para estreitar relacións comerciais cos productores arxentinos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia