Skip to main content

Os escolares galegos poderán elixir a mascota do Deporte Galego

Baixo o lema “Se che gusta o deporte e ademais debuxar, participa”, a Dirección Xeral para o Deporte anima a todas as nenas e nenos galegos de Educación Primaria e Secundaria a participar nun concurso de debuxo para buscar a mascota e o logo do Deporte Galego.

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, presentou o concurso, que nace coa intención de facer partícipes aos máis pequenos na elección dunha mascota que “pretendemos que estea en todos os eventos deportivos, apoiando aos nosos clubs, que vaia polos centros de ensino,.... Queremos que sexa o embaixador ou embaixadora do noso deporte e das nosas actividades”. No caso do logo da marca Deporte Galego, Domínguez explicou que “cambiamos o actual non porque non nos guste, senón porque pensamos que despois de tantos anos non estaría mal innovar e darlle a oportunidade á comunidade escolar de participar na elección”.

O concurso, cuxas bases sairán publicadas no DOGA, se divide en dúas modalidades: A modalidade A é para a elección da mascota e está dirixida aos escolares de Educación Primaria, mentres que a modalidade B está centrada nos centros de Secundaria aos que se lles encomenda a creación dun novo logo. O prazo para a presentación dos traballos e dun mes a partir da publicación no DOGA e haberá premios tanto para os gañadores en cada unha das modalidades (un ordenador portátil), coma para os seus centros escolares (un ordenador e un lote en material deportivo valorado en 3.000 euros). Os debuxos poden ser presentados nas delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte e segundo as estimacións baralladas poderían presentarse máis de 15.000 participantes.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia