Skip to main content

O conselleiro de Presidencia avoga por aproveitar a experiencia catalana na reforma do Estatuto de Autonomía

O Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, avogou por aprender das experiencias doutras comunidades no proceso de reforma do Estatuto de Autonomía. Nunha entrevista na emisora barcelonesa COMRàdio, asegurou que “o intenso debate que houbo coa reforma do Estatuto de Cataluña simplifica algúns debates que deberemos repetir e onde coñecemos xa moito máis das posicións posibles que hai uns meses, cando se iniciou o proceso catalán”, e confiou en que o proceso galego sexa “máis breve” no tempo.

En resposta a unha pregunta sobre a defensa do Bloque Nacionalista Galego da definición de Galicia como nación no futuro texto estatutario, Méndez Romeu declarou que “o texto final, nestes ámbitos, terá que ser inevitablemente acorde coa Constitución”, e considerou que “o resultado final será similar ao que acabamos de ver en Cataluña”.

Participación do PP na reforma

Doutra banda, sobre a participación do Partido Popular de Galicia no proceso, o titular de Presidencia lembrou que “en Galicia, senón participan no proceso non se dan os dous tercios necesarios na Cámara, polo tanto son conscientes de que teñen a chave do proceso e tamén de que non poden ofrecer á sociedade unha posición permanentemente negativa”. Nembargantes, sinalou que “todo isto non quere dicir que o proceso vaia ser sinxelo nin exento de tensións e contradiccións”.

O conselleiro viaxou onte a Barcelona para manter unha xuntanza co presidente da Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña e do Centro Galego en Barcelona, Luis Lamas Álvarez. Na sede desta institución ofreceu a conferencia O Estatuto e as Autonomías.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia