Skip to main content

Pérez Touriño recibe o informe sobre a Cidade da Cultura elaborado polo Padroado do Museo do Pobo Galego

O titular do Goberno autonómico, Emilio Pérez Touriño, recibiu o informe sobre a Cidade da Cultura elaborado polo Padroado do Museo do Pobo Galego.

O informe que fora encargado polo presidente da Xunta ao padroado do Museo do Pobo Galego o pasado mes de setembro, foi elaborado por unha comisión de expertos creada ad hoc e aprobado pola Xunta reitora do padroado a comezos deste mes.

O presidente da Xunta valorou a importancia desta aportación xa que a Cidade da Cultura “é unha das actuacións máis relevantes e máis potentes no eido cultural da nosa comunidade que debemos mimar, coidar e acertar para lograr darlle unidade, contido e sentido a este gran proxecto”.

Pérez Touriño enmarcou este informe no amplo proceso de participación que abriu o Goberno de cara a redefinir e atopar a mellor solución para os contidos que debe ter no futuro a Cidade da Cultura.

Informe

No documento entregado ao presidente da Xunta sinálanse as catro liñas transversais que deben orientar todo o proxecto: a cidade da cultura debe ser a cabeceira do sistema galego de política cultural, un espazo de transferencia dos coñecementos, as artes e a tecnoloxía, o escaparate do futuro que se quere para Galicia e un elemento integrado no desenvolvemento urbano.

O informe configura unha nova estructura en seis áreas: Biblioteca, Arquivo, Museo, Centro das Artes, Centro de Formación e Coordinación e Servizos Centrais e Centro Tecnolóxico que permitirían combinar varias dimensións de actuación como os servizos para a formación e a investigación, a promoción cultural con proxección en toda Galicia, a didáctica, a lúdica, a empresarial, a tecnolóxica e a incubadora de novas iniciativas.

O estudo realizouno unha comisión formada polo presidente do Padroado, Isaac Díaz Pardo, os vicepresidentes Luciano García Alén e Fernando Acuña, os membros da xunta reitora, Justo Beramendi, Francisco Sanjiao e Fátima Braña, o Director do Museo, Carlos García Martínez, a secretaria do Museo, María Xosé Fernández Cerviño e os patróns Marcial Gondar e Xosé Carlos Sierra.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia