Skip to main content

Pesca traslada ao sector o informe preliminar sobre a mostraxe integral nas bateas

O secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Miguel López Sieiro, acompañado pola directora xeral de Innovación, Fátima Linares; o director do Intecmar, Xosé Manoel Romarís, e o director do Instituto de Acuicultura da USC, Oscar García, informou no Pleno do Consello Regulador do Mexillón
dos resultados do informe preliminar destinado a valorar a posibilidade da
aplicación da mostraxe integral nos polígonos afectados polas toxinas DSP
(diarreica) e/ou PSP (paralizante). Con esta reunión dase cumprimento ao
compromiso adquirido a finais do mes de decembro pola conselleira de
Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, cando a marea vermella
que afectaba á práctica totalidade dos polígonos mexilloeiros galegos
aconsellaba a posta en marcha de proxectos de investigación co obxectivo
de prever ou paliar os efectos destes episodios tóxicos, e ao mesmo
tempo atender á demanda do sector de cambiar o método de mostraxe
utilizado ata o momento.

Nese intre, a conselleira comprometeuse a facer un estudo riguroso para
que, de levarse a cabo o cambio de mostraxe por altura a mostraxe por
integrais, se puidera facer con todas as garantías sanitarias para os
consumidores.

O proceso dos datos obtidos tras unha serie de análises nos polígonos
afectados pola marea vermella, e a falla de máis mostraxes nesta época de
baixa incidencia de toxina para completar o traballo, conclúen que a
mostraxe integral ten unha alta coincidencia co método empregado na
actualidade aínda que existen puntos de diverxencia o que faría necesario,
previa a calquera decisión, un novo protocolo de control acordado con
Sanidade para realizar o seguimento do produto en depuradoras, centros de
expedición e mercados. Este estudo, unha vez concluído, tamén permitirá
cambiar o protocolo de puntos de mostraxe que existe na actualidade.

Reunión en Madrid e Bruxelas

Por outra banda, Pesca informou aos representantes do Pleno do Consello
Galego do Mexillón das últimas reunións de traballo do Comité do Codex
Alimentario sobre biotoxinas e moluscos bivavos de cara a trasladar unha
postura común no cumio de Otawa entre a FAO, a OMS e a Comisión
Oceanográfica Internacional. O primeiro dos encontros - en ambos a
Consellería estivo presente a través do Intecmar- serviu para consensuar a
postura española, mentres que no encontro mantido a pasada semana en
Bruxelas os estados membros acadaron a proposta de consenso para levar á
devandita reunión en Canadá. Neste senso, e a pesar da oposición de Alemaña
e Francia que querían unha revisión que endurecería os controis realizados
agora, os expertos comunitarios defenderán o mantemento dos límites de
toxina nos parámetros actuais. No que se refire á metodoloxía empregada nas
mostraxes, manterase a actual -o bioensaio- mentres non haxa patróns que
permitan a validación do método químico.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia