Skip to main content

As obras do pavillón de Pontepedriña iniciaranse en menos de dous meses

As obras do pavillón polideportivo de Pontepedriña iniciaranse en menos de dous meses, tal e como anunciou o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez OIveira.

Esta instalación é unha vella reclamación do Concello de Santiago e do IES Pontepedriña. Ademais estableceuse unha xestión compartida entre o centro de ensino e o Concello, de forma que pola mañá será utilizado polos alumnos do IES, mentres que pola tarde o Concello será o responsábel de xestionar a súa utilización para outro tipo de actividades deportivas, cumprindo así unha das liñas xerais de actuación da Dirección Xeral para o Deporte que quere conseguir sacar o máximo partido das instalacións deportivas existentes.

O pavillón, cuxo proxecto foi realizado polos arquitectos Javier Franco e Vicente Pintos, contará cunha pista polideportiva cuberta, bancada, aseos públicos e vestiarios para monitores, árbitros e grupos (4). O custe da obra é de 928.317,97 euros, dos que a Dirección Xeral para o Deporte paga 657.862,53 euros, mentres que a Consellería de Educación sufraga 270.455,44 e o Concello aportou os terreos. Este pavillón inclúese no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Deporte, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Santiago.

O director xeral para o Deporte explicou que o inicio das obras se retrasou uns meses por culpa duns problemas burocráticos pero “despois de case catro anos de espera, por fin vai ser unha realidade”. O prazo de execución das obras é de 15 meses.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes do Concello de Santiago, Manuel Portas, destacou que “este pavillón tivo múltiples dificultades, algunhas de carácter técnico e outras por ruído político. Pero o verdadeiramente importante é que o diálogo fluído coa Dirección Xeral para o Deporte permitiu que se acelerase a obra e se superasen os escollos que había no camiño”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia