Skip to main content

Galicia disporá no 2009 de conectividade de banda ampla en todos os núcleos de poboación con máis de 500 vivendas

O xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, salientou a importancia das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para que os núcleos de poboación da comunidade galega, con máis 500 unidades inmobiliarias, dispoñan de conectividade de banda ampla, no horizonte de 2009. Pérez Touriño fixo estas declaracións durante a súa intervención na primeira reunión plenario do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia desde a toma de posesión do novo Goberno. Na reunión estiveron tamén a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado e o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández.

O presidente asegurou que o momento actual das telecomunicacións e do audiovisual “é especialmente atractivo e interesante”, xa que se está a vivir un “intenso cambio tecnolóxico”. Neste sentido, explicou que o despegue, xa iniciado, da televisión dixital terrestre vai producir cambios “revolucionarios” no panorama televisivo do que se deberá sacar “a máxima rendibilidade para a sociedade galega”.

Por iso o obxectivo do Goberno autonómico para o ano 2010, data prevista de apagamento das emisións analóxicas é acadar unha cobertura integral das emisións de ámbito autonómico para as cadeas públicas, e ofrecer este servizo de difusión a todas as cadeas que operen na comunidade autónoma.

Para acadar esta meta, a Administración autonómica está a traballar en catro direccións: extensión da rede pública de difusión dixital a través de Retegal; definición, en colaboración ca ETS de Enxeñeiros de Telecomunicacións, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, así como cos fabricantes, os procedementos de despregue dos aparellos que permitirán encher os ocos non cubertos coa devandita rede pública de difusións; apoio aos concellos para ampliación da cobertura nos seus respectivos ámbitos xeográficos e a sinatura de acordos que garantan a cobertura axeitada daquelas canles non cubertas polo operador público.

Radio dixital

Pérez Touriño indicou que no que respecta á radio dixital, “é necesario actuar con maior lentitude e prudencia” dada a problemática específica técnica e empresarial que presenta o seu desenvolvemento tecnolóxico.

Neste escenario, un dos obxectivos estratéxicos da Administración no eido das telecomunicacións, consiste en achegar todas as comunicacións de banda ancha a toda a cidadanía galega, posto que é “un elemento vertebrador fundamental para o desenvolvemento do tecido produtivo e por extensión para toda a sociedade”.

Xunto a este despegue das tecnoloxías de difusión dixital, o máximo mandatario da Xunta asegurou que o obxectivo do Goberno é que, no horizonte de 2010, Galicia “esté ao nivel das sociedades europeas mási avanzadas” no acceso aos servizos da sociedade de información.

“É fundamental que reflexionemos” sobre a importancia de actuar neste campo, explicou Pérez Touriño, conforme ás liñas estratéxicas capaces de vincular e comprometer a todos os axentes públicos e privados que traballan no sector. Neste sentido fixo un chamamento á unidade de que todos “traballemos na mesma dirección sen magnificar pequenos desencontros nin crear problemas artificiais”.

Neste aspecto –dixo- “dispoñemos de eficaces ferramentas institucionais e asociativas que facilitan a coordinación de políticas e iniciativas”. Salientou o significativo de que o Consorcio Audiovisual de Galicia acolla, por primeira vez, a participación de todos os axentes e todas as instancias que dende a Administración pública están chamadas a desenvolver un papel no sector audioviosual.

Así mesmo, o titular do Goberno galego sinalou que non se pode esquencer que o sector ten “carencias importantes” no que se refire a artellamento empresarial, dada a “súa excesiva fragmentación, a unha capitalización aínda insuficiente e a súa capacidade de distribución”.

Por iso, é un obxectivo real “a contribución decidida” a superar esas carencias mediante políticas de apoio á produción, difusión, comercialización, formación, profesionalización e á implantación xeneralizada das novas tecnoloxías no sector. Neste sentido, subliñou que o Consorcio “debe ser un instrumento de gran utilidade” para a execución destas políticas “nas que sempre contaremos coas suxestións, as ideas e as propostas das empresas do sector.

Situación do sector

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, expuxo un pequeno informe sobre os principais aspectos en materia de telecomunicacións e audiovisual en Galicia. Así fixo un repaso pola situación da televisión dixital, a radiodifusión en Galicia, a promoción do sector audiovisual e os telecentros espallados pola xeografía galega.

Salgado referiuse ás licencias da televisión dixital terrestre de ámbito local, das que dixo que o Consello da Xunta “tomará proximamente” unha decisión sobre o correpondente concurso. “Estamos nun momento decisivo da implantación da nova tecnoloxía dixital”, que nestes momentos chega xa ao 90% da cidadanía galega, afirmou.

No ámbito da radiodifusión, explicou que a Administración anterior convocou concursos de concesión de licencias para a dixital con tecnoloxía DAB, tanto a nivel autonómico como local. Sen embargo, esta tecnoloxía “ven de demostrar que foi unha decsiión precipitada”, explicou Salgado, xa que non existen receptores deste tipo a un prezo razoable e ademais hai problemas técnicos que limitan a súa recpeción no interior dos edificios.

Estas razóns levaron á mesa de contratación a declarar desertos os concursos de radio dixital autónomico e local e será o Consello da Xunta o que tome a decisión definitiva.

O secretario xeral de Comunicación subliñou que no caso da radio, o sistema dixital non é de sustitución, como sucede na televisión. No caso da radio, convivirán os dous sistemas. Salgado insistiu na idea de que a radio analóxica ten en Galicia “un potencial salientable de crecemento que hai que desenvolver con carácter prioritario”. Nesta liña, o Ministerio de Industria “está a piques” de conceder á comunidade autónoma arredor de 100 novas frecuencias de radiodifusión sonora en FM.

Ademais, lembrou que ata o de agora a FM non se realizou en Galicia de maneira harmonizada, e polo tanto “hai tantas emisoras que cumpren as condicións necesarias para operar como emisoras que se atopan en situación irregular”, por iso o novo concurso “suporá unha oportunidade para racionalizar este sector, indicou.

Por outra banda, destacou o valor “estratéxico” do sector audiovisual, un sector que hoxe emprega a unhas 2.300 persoas e que factura arredor de 200 millóns de euros. Na actualidade, “contamos con productoras de recoñecido prestixio” que configuran “o mascarón de proa dun sector que navega cara á súa consolidación”, asegurou.

Axudas públicas

Desde a Xunta estase a definir unha política de apoio á comercialización e presenza nos mercados en sintonía coas necesidades actuais das empresas audiovisuais galegas. Levaranse, entre outras iniciativas, accións formativas para mellorar a profesionalización das produtoras e accións para o fomento da implantación das novas tecnoloxías da información. Tamén se establecerán axudas para o fomento de estreas e presentación de obras audiovisuais, así como para o apoio á organización de festivais e mostras cinematográficas.

Por último, informou da implantación dunha rede de aulas multimedia, que constitúe un medio de comunicación audiovisual necesario para achegar á cidadanía programas de formación multimedia e audioviosuais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia