Skip to main content

Reunións do vicepresidente da Xunta de Galicia cos alcaldes de Sarreaus, A Peroxa, Castrelo de Miño e A Veiga (Ourense)

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, mantivo en Ourense unha xuntanza co alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas. No transcurso do encontro, o alcalde explicoulle distintos proxectos que están en marcha no municipio, como a iniciativa que se está facendo na aldea de Couso, onde se están restaurando once casas para adicar toda a aldea a turismo rural. Adamais disto, o mandatario local expúxolle a iniciativa de converter as antigas escolas unitarias das aldeas en locais de reunión para os veciños, así como a posibilidade de ampliación do parque empresarial.












Anxo Quintana reuníuse tamén co alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, para falar das necesidades municipais en diversas materias. O rexedor local explicoulle as demandas do concello en canto a solo industrial e vivendas sociais. Manuel Seoane indicoulle que no concello pretenden poñer en marcha un pequeno parque empresarial, e por outra parte, sinaloulle tamén a demanda moi importante que hai na Peroxa en canto a vivendas sociais.












O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, reuníuse na delegación de Ourense co alcalde de Castrelo de Miño, José Feijoo. No transcurso da xuntanza, o mandatario local expúxolle ao vicepresidente a necesidade de poñer en marcha no municipio unha residencia da terceira idade, xa que se fai moi necesaria debido ao envellecemento da poboación. O alcalde manifestou a boa disposición de Quintana para axudar e colaborar neste proxecto.

Anxo Quintana mantivo un encontro co alcalde da Veiga, Edesio Yáñez, na delegación de Ourense. O rexedor local presentoulle un estudo técnico para a creación dunha estación en Trevinca, xa que consideran que este proxecto sería de importancia vital para o desenvolvemento do oriente ourensán. O alcalde indicoulle a Quintana que o turismo rural e de montaña é unha opción inmellorable para revitalizar a súa zona, unha zona que segundo explicou se está despoboando a un ritmo continuo.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia