Skip to main content

Galicia participa en 17 proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Centroamérica

A Xunta de Galicia está a participar en 17 proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Centroamérica. Estas actuacións están destinadas a acadar unha mellora destas sociedades nos ámbitos da pesca, a saúde, a educación, a accesibilidade e calidade da auga, o desenvolvemento urbanístico, a vivenda e o medio ambiente.

A directora xeral de Cooperación Exterior do Goberno galego, Fabiola Sotelo, visitou varias destas actuacións en Nicaragua, Honduras, O Salvador e Guatemala para coñecer de preto as súas características e os resultados que están a dar as accións da Administración autonómica neste eido.

Segundo destacou Sotelo, dos proxectos que vira estes días “os que mellor están a funcionar son os que teñen que ver coa pesca e co emponderamento da muller”. Na súa opinión, “o futuro da cooperación galega ten que ir por aí”. Así mesmo, a directora xeral valorou o feito de que haxa “moitos galegos e galegas implicados e traballando en proxectos de desenvolvemento” en Latinoamérica.

O Goberno galego considera estes catro países centroamericanos como “prioritarios” dentro da súa actuación para os vindeiros anos, segundo se recolle no texto do I Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento, actualmente en trámite parlamentario para a súa aprobación pola cámara galega.

O Salvador

A axuda galega está presente no Salvador cun total de oito proxectos de desenvolvemento. Neste país a Xunta colabora con Médicos del Mundo Galicia para acadar un fortalecemento da saúde comunitaria en Santa Catarina de Masahuat; con Enxeñeiros Sen Fronteiras para dotar á comunidade de Corinto Haciendo de abastecemento e saneamento de auga e cunha asociación local para a capacitación de máis de 1.200 mulleres de escasos recursos do conurbano de San Salvador e permitir a súa inserción laboral.

A Solidariedade galega tamén está a facilitar a construción dun centro educativo preescolar na cidade de Vicente López e as accións de mellora das condicións e calidade de vida dos poboadores de 8 cantóns da área natural de Bahía de la Unión, no Golfo de Fonseca, a partir do usos sostible e a conservación dos recursos mariños costeiros.

O sector da pesca artesanal desta rexión está a recibir asistencia en materia de pesca artesanal, marisqueo e aproveitamento sostible dos recursos dende o ano 2003, no marco do Plan Operativo da Axencia Española de Cooperación Internacional e a Xunta de Galicia. Neste contexto, formáronse líderes capacitadores en novos modelos de xestión de recursos mariños costeiros baseados en modelos exitosos en Galicia e impartíronse módulos de capacitación en hixiene e seguridade no traballo; manexo e reparación de embarcacións e artes de pesca, e manipulación e mantemento da calidade da produción pesqueira e marisqueira.

Así mesmo, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos está a colaborar coa formación en Galicia de dous persoas que asisten ao Curso de Formación de Formadores en Pesca e Acuicultura.

Guatemala

En Guatemala se están a desenvolver un total de catro proxectos de cooperación ao desenvolvemento en 2006 coas achegas da Xunta. Galicia está a colaborar cun proxecto de Arquitectos sen Fronteiras para a autoconstrución de vivendas na Comunidade Victorias 3, da etnia Mam, no municipio de Champerico, no departamento guatemalteco de Retaluleu. Con esta iniciativa, un total de 74 familias indíxenas contarán cunha vivenda axeitada as necesidades para o desenvolvemento integral da súa comunidade.

Así mesmo, a dirección xeral de Cooperación Exterior está a participar en proxectos de mellora de bibliotecas escolares rurais, mellora da calidade de atención obstétrica prestada por comadroas tradicionais no departamento de San Marcos e de construción dun centro de venda e distribución maiorista de pesca artesanal na Cidade de Guatemala

Nicaragua

A Xunta participa en Nicaragua en tres actuacións solidarias. Se está a colaborar na reparación de equipos e dotación de materiais funxibles do Insituto Tecnolóxico Nacional de Granada, xunto á ONG Solidariedade Internacional de Galicia se está a dotar de infraestruturas sociais básicas o barrio Linda Vista do Departamento do Río San Juan, e se está a desenvolver unha ambiciosa actuación de apoio á actividade pesqueira das comunidades artesanais do Lago Nicaragua e o Río San Juan, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación ao Desenvolvemento (AECI) e a Administración Nacional de Pesca e Acuicultura nicaragüense.

Preténdese prestar apoio ás comunidades riveireñas para consolidar a actividade pesqueira como fonte de emprego e mellorar o aproveitamento sostible dos recursos da zona. O Administración autonómica galega participa neste proxecto, no marco da acción da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), dende o ano 2003. Nestes tres anos, a Xunta de Galicia achegou un total de 154.000 euros para levalo a cabo.

Honduras

A dirección xeral de Cooperación Exterior colabora na execución de dous proxectos en Honduras. A través de Solidariedade Internacional de Galicia se está a levar a cabo unha actuación de desenvolvemento económico local, prestando especial atención á participación da muller na mancomunidade Mocalempa. Ao mesmo tempo, dentro do Plan Operativo Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI)-Xunta, se está a construír unha lonxa na Illa de Guapinol Choluteca e completando as obras do peirao de Coyolito.

Máis de 4 millóns de euros dende 1998

Dende 1998, a Xunta de Galicia financiou nestes catro países un total de 86 actuacións, cunha achega de máis de 4 millóns de euros. A Administración autonómica financiou, neste período, 28 proxectos en Nicaragua, 26 no Salvador, 16 en Guatemala e outros 16 en Honduras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia