Skip to main content

Fernández Antonio: Galicia utilizará os fondos comunitarios en proxectos que incrementen a innovación e permitan converxer con Europa

O Marco Estratéxico que está elaborando a Xunta pon o acento na innovación, na formación, no desenvolvemento sostible e na finalización de infraestruturas
Madrid, 3 de abril de 2006.- Galicia utilizará os fondos comunitarios no periodo 2007-2013 en proxectos que incrementen a innovación, a produtividade e o crecemento económico, e que permitan á Comunidade converxer con España e Europa en termos de PIB, benestar e sociedade do coñecemento. Así o avanzou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio en Madrid, onde participou na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado. Fernández Antonio explicou que a Xunta de Galicia xa está elaborando o Marco Estratéxico para a programación dos fondos comunitarios, en liña co calendario avanzado polo Vicepresidente Segundo do Goberno e Ministro de Economía, Pedro Solves. Nese Marco Estratéxico, a Administración galega porá o acento na finalización das grandes obras de infraestruturas ainda pendentes pero tamén, de xeito moi especial, na innovación como motor de competitividade e na formación de capital humano e tecnolóxico.

O conselleiro de Economía cualificou o acordo sobre as Perspectivas Financeiras da Unión Europea alcanzado o pasado mes de decembro polo Consello Europeo como un acordo “solidario, equilibrado e coherente”, á vez que destacou que foi “razonable nos seus termos e oportuno no tempo” para Galicia. En primeiro lugar, segundo explicou, o acordo eliminou a incerteza xurdida polos temores de que Galicia se vise afectada polo efecto estatístico derivado da entrada de novos membros da Unión Europea. A nosa Comunidade mantense así entre as rexións Obxectivo 1, que pasa a denominarse Obxectivo Converxencia. En segundo lugar, engadiu Fernández Antonio, o acordo permite que España, e polo tanto Galicia, siga sendo beneficiaria do Fondo de Cohesión ata o ano 2013. En tercer lugar, aprobouse a creación –a petición do Goberno español- dun Fondo Tecnolóxico dotado con 2.000 millónes de euros e no que Galicia terá unha participación significativa.

Por todo iso, o conselleiro de Economía e Facenda afirmou que o acordo, pendente da aprobación por parte do Parlamento Europeo, supón unha nova oportunidade para que Galicia acurte distancias con España e Europa e converxa coas rexións máis desenvolvidas da Unión Europea. O conselleiro afirmou que “debemos encarrilar o crecemento de Galicia sobre novas bases, seguindo a senda iniciada nos Presupostos deste ano, que aumentan nun corenta por cento os recursos destinados a innovación”.Ademáis, tras lembrar que o escenario europeo e mundial hoxe é ben distinto do existente no último periodo, instou ás empresas galegas a aproveitar as oportunidades de negocio xeradas pola apertura de novos mercados nacidos a partir da ampliación da UE.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia