Skip to main content

Innovación e Industria colaborará coa Asociación de Fabricantes de Formigón na elaboración do Plan Estratéxico do Sector do Formigón

Blanco fixo este anuncio –que se formalizará nas próximas datas a través dun convenio de colaboración entre a consellaría e a Asociación– durante a presentación do “Estudo do sector do formigón en Galiza: expectativas de futuro” celebrada esta mañá en Santiago. Fernando Blanco referiuse ao estudo presentado por ASFHORGAL como un importante chanzo cara ao camiño de cooperación para a mellora da capacidade competitiva deste sector en Galiza. Neste sentido, o conselleiro nacionalista considerou outro paso adiante a elaboración do Plan Estratéxico, para poder desenvolver de forma coordenada as accións conxuntas necesarias nos ámbitos que se determinen prioritarios, algúns dos cales, segundo dixo, xa se apuntan no estudo presentado.

O titular de Innovación e Industria quixo aproveitar a ocasión para valorar “moi positivamente” a recente constitución da Asociación, que representa a un sector que da emprego directo a 1.000 persoas e indirecto a outras 3.000. “É necesario a implicación activa das pemes”, dixo o conselleiro, quen subliñou que as fórmulas de cooperación e colaboración entre empresas facilitan a consecución dunha masa crítica e o dimensionamento necesario para competir nos mercados actuais, estruturando e racionalizando os sectores.

Neste sentido, Blanco destacou o compromiso do seu departamento á hora de fomentar e apoiar a ampliación e a intensificación das formas de cooperación dentro dos sectores produtivos da economía galega como un dos medios estratéxicos para robustecer a competitividade do tecido empresarial do país.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia