Skip to main content

O presidente da Xunta e a ministra de Fomento pechan un acordo histórico que suprime as peaxes nos treitos de Rande e A Barcala

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, pecharon o acordo para a supresión definitiva e universal das peaxes da Autoestrada do Atlántico que pesan sobre os treitos O Morrazo-Vigo e A Barcala-A Coruña en ambos os dous sentidos. Os dous mandatarios salientaron a transcendencia deste acordo ao cualificar este día de “histórico” para a comunidade autónoma, dado que deste xeito se cumpren as promesas realizadas polos Gobernos de Galicia e España de levantar este canon, que o anterior Goberno do Partido Popular ampliara ata o 2048.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación tras a reunión mantida no Pazo de Raxoi, o presidente da Xunta salientou que se trata dun “acordo histórico” pois aporta unha “solución definitiva e universal para o levantamento da peaxe” nos tramos do Morrazo-Vigo e A Barcala-A Coruña. Emilio Pérez Touriño quixo recoñecer o esforzo de “cooperación leal” realizado polo Goberno de España, “e moi particularmente do Ministerio de Fomento”, para dar luz a unha decisión “practicamente sen precedentes” en canto á súa fórmula e mecanismos de financiamento”. “O Goberno de España e o Goberno de Galicia cumpren co comprometido”, salientou o presidente, quen agradeceu á empresa concesionaria da AP-9 a súa dispoñibilidade e colaboración para acadar “o s mellores froitos” que Galicia puido ter.

Solución a un problema complexo

Na súa intervención, a ministra de Fomento desgranou os termos do acordo acadado entre a administración autonómica, a central e a concesionaria da autoestrada, un acordo que “serve para solucionar un problema complexo creado polo anterior Goberno”. Así, recordou que a anterior administración popular prorrogou a peaxe o máximo permitido pola lei e privatizou a AP-9 “xusto despois da catástrofe do Prestige”, o que considerou “unha mala resposta a unha situación difícil que atravesaba Galicia”.

Segundo o acordo, unha vez que entre en vigor, o que se producirá segundo a ministra antes do verán, Audasa deixará de cobrar a peaxe aos usuarios dos tramos de Rande e A Barcala, cuxo custe sufragarán ao 50% os Gobernos de Galicia e España. Audasa retirará as cabinas de cobro e instalará un novo sistema de conteo que permitirá cuantificar o número de vehículos que empregan estes treitos, o que servirá de base para establecer a compensación económica que pagaran a Xunta e o Goberno central. Este sistema de cálculo será auditado por unha empresa externa, que certificará os datos para realizar, indicou Álvarez, “un pago axeitado”. O acordo acadado coa concesionaria permitirá obter, ademais, un 10% de desconto na compensación que as administracións deben pagar a Audasa.

Segundo os datos aportados pola titular de Fomento, o custe estimado para este ano é de 5.954.000 euros, que deberá ser sufragado a partes iguais polos dous Gobernos. Magdalena Álvarez tamén informou que se estima que o tránsito anual nestes dous treitos polo que haberá que pagar á concesionaria ata o ano 2048 é de 10 millóns de vehículos. Tamén indicou que o Ministerio encargado de sufragar a parte que lle corresponde á administración central será o de Economía e Facenda.

A ministra de Fomento salientou a complexidade que entrañou a redacción do acordo, dado que implica á empresa concesionaria, a Xunta de Galicia e os ministerios de Economía e Fomento e supón a necesidade de aprobar un real decreto que introduza modificacións na concesión.

Trámites

Segundo informou a ministra, neste momento xa está redactado o convenio entre as partes, que debe ser asinado, e tamén se encontra preparado por parte do Ministerio de Fomento o Real Decreto, así como a memoria técnica, “e empezamos a súa tramitación”. Para axilizar os prazos, os documentos hoxe pechados, xa foron enviados a Audasa e á Xunta o 28 de marzo. Agora falta o informe da Secretaría Xeneral Técnica do Ministerio de Fomento, -“que non vai ter ningún problema”, puntualizou a ministra-, que será remitido á Avogacía do Estado, será discutido e informado en Comisión Delegada, será informado polo Ministerio de Economía e, finalmente, o Consello de Ministros aprobará o Real Decreto.

“Todos estes trámites van estar rematados e sen ningún problema, pódollo garantir, porque antes de estar co presidente eses papeis xa os movemos dentro do Goberno e non poden ter ningún problema. Á súa vez, estableceremos tanto a Xunta como nós as condicións de gasto, é dicir, preparamos o diñeiro para poder facer fronte, agora e no futuro, a estes pagos, que xa non os van facer os que transiten por estes traxectos”, destacou a ministra.

Finalmente, o presidente do Goberno galego quixo remarcar a importancia do acordo logrado, ao sinalar que se trata dun “momento relevante e importante” para Galicia. “Hoxe fixemos realidade que haxa unha ponte e unha autopista que una a área metropolitana máis importante que temos en Galicia e que esa ponte de verdade sexa un elemento de unión e non de separación a través da barreira da peaxe que hoxe con este acordo fomos quen de levantar”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia