Skip to main content

A Xunta e o Goberno central asinan un convenio para a recuperación industrial e a xeración de emprego e riqueza nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o convenio asinado entre o ministro de Industria, José Montilla, e o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, abre un marco de desenvolvemento e recuperación empresarial da comarca de Ferrolterra. O máximo mandatario autonómico salientou ademais o impulso dado cos convenios subscritos co conselleiro de Innovación, Fernando X. Blanco, ás estratexias para o aforro e aproveitamento enerxético e o plan de enerxías renovables.

Así o sinalou no Pazo de Raxoi tras presidir a sinatura de tres convenios co ministro de Industria, a quen lle agradeceu a súa colaboración para o impulso a estas medidas e a súa “vontade fehaciente e demostrada de cooperación”.

O convenio subscrito coa Consellería de Economía recolle axudas por importe de 46,5 millóns de euros para a reindustrialización das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, dos que 3,5 millóns se dedican a subvencións e 43 millóns, a créditos cun 0% de xuro. Para o presidente da Xunta, este convenio ábrelle a estas comarcas un “horizonte certo de confianza” ao poñer as bases para o impulso dun proceso de despegue e “recuperación industrial”, “para xerar emprego e riqueza” nunha zona que sufriu procesos de reconversións “durante tantos anos” e coa que o Goberno galego está “plenamente comprometido”. A estas contías, salientou o presidente, súmanse os 9 millóns que aportará a Xunta de Galicia, “co que imos xestionar case 20 millóns de euros de maneira inmediata a través de axudas directas a proxectos empresariais que xurdan na área de Ferrol e un volume moi importante de créditos na mesma dirección”.

“Este convenio debe permitirnos reenfocar e sacar adiante Ferrolterra”, salientou o máximo mandatario galego, obxectivo no que coincidiu co ministro José Montilla, quen fixo fincapé en que con este acordo se cumpre o compromiso acadado con estas comarcas o ano pasado de impulsar esa reactivación económica a través de axudas directas e créditos.

O presidente e o ministro tamén incidiron no “novidoso” da fórmula deseñada para a posta en marcha deste convenio, pois será o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) o encargado de avaliar os proxectos de investimento e creación de actividade amparados polo acordo asinado co Ministerio. A partir da recepción das solicitudes, o Igape deberá no prazo de 30 días naturais remitir ao Ministerio de Industria os informes técnicos correspondentes cunha proposta razoada das empresas e proxectos que considera que deben ser apoiados, e da posible distribución das axudas aos mesmos.

Para velar polo correcto desenvolvemento e seguimento do convenio de colaboración, créase unha Comisión de Seguimento constituída polo director xeral de Desenvolvemento Industrial, que actuará de presidente- o director do IGAPE- un representante de cada unha das partes asinantes, e un representante da Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, actuando como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Desenvolvemento Industrial.

Aforro e eficiencia enerxética

Emilio Pérez Touriño tamén agradeceu ao ministro o compromiso coas enerxías renovables e o aforro e eficiencia enerxética verificado nos dous convenios asinados entre o ministro de Industria e o conselleiro de Innovación. O primeiro dos convenios desenvolve o Plan de Eficiencia Enerxética, ao que o Goberno central aporta 15,84 millóns de euros, mentres que o segundo pon en marcha o Plan de Enerxías Renovables, cunha achega de 758.522 euros.

Na súa intervención, José Montilla remarcou que a través da sinatura destes convenios coas comunidades autónomas o Goberno central pretende lograr no horizonte de 2011 que a xeración de enerxía por medio de fontes renovables acade o 30% do total, reducindo a dependencia enerxética española, así como reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera, tarefas nas que é imprescindible a colaboración das autonomías, polo que agradeceu o “esforzo da Xunta neste campo”.

Galicia convértese así na cuarta Comunidade Autónoma beneficiada pola liberación dos fondos procedentes do Plan de Acción da Eficiencia Enerxética e o Plan de Enerxías Renovables, despois de Cataluña, País Vasco e Castela-A Mancha.

No caso de Galicia, a cifra total de recursos públicos (procedentes do Ministerio de Industria a través do IDAE e da propia Xunta de Galicia) dirixidos ao desenvolvemento das medidas incluídas en ambos Plans ascende a 16,59 millóns de euros. Destes, 15,84 millóns enmárcanse no Plan de Acción de Eficiencia Enerxética, mentres que 758.522 euros corresponden ao Plan de Enerxías Renovables.

Dentro do Plan de Acción de Eficiencia Enerxética, Galicia desenvolverá proxectos para promover a eficiencia enerxética nos sectores consumidores de enerxía por un importe de 15,84 millóns de euros, dos que 11,88 serán aportados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a través do IDAE, e 3,96 pola Xunta de Galicia.

Enerxías renovables

No referente ao Plan de Enerxías Renovables, as medidas a realizar concrétanse no establecemento por parte da Xunta de Galicia de programas de axudas públicas a inversións en novos proxectos de aproveitamento enerxético nas áreas de solar térmica de baixa temperatura, biomasa térmica doméstica e solar fotovoltaica illada.

O orzamento que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio transferirá a Galicia a través do IDAE para estes programas de axudas públicas é de 758.522 euros; é dicir. Dese importe, o 44.1% é para axudas á solar térmica de baixa temperatura, o 39,8% para a biomasa térmica doméstica e o 16,1% para a solar fotovoltaica illada.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia