Skip to main content

O conselleiro de Economía destaca o clima de confianza reflectido nos principais indicadores de actividade e emprego

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, interviu nun xantar-coloquio sobre As perspectivas económicas de Galicia e as novas liñas de apoio empresarial da Xunta de Galicia, organizada por APD Zona Noroeste, tralo que tivo lugar a súa comparecencia parlamentaria na que destacou o clima de confianza nos principais indicadores de actividade e emprego.

A economía galega está nunha boa situación para recuperar peso no conxunto español a partires do novo modelo de crecemento. Así o reflicten os principais indicadores económicos de actividade e emprego que amosan, no seu conxunto, unha tendencia de clara recuperación dende finais do pasado ano. O conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, José Ramón Fernández Antonio, desgranou no Parlamento a evolución recente das cifras de creación de emprego, afiliación e actividade que, segundo afirmou, revelan o “clima de confianza que existe entre os axentes económicos de Galicia e permiten confirmar os obxectivos fixados nos Orzamentos”. Neste sentido, o conselleiro lembrou que o obxectivo de crecemento para 2006 sitúase no 3,4%, cunha redución do dez por cento na taxa de paro e a creación de 31.000 postos de traballo.

Na súa intervención ante o Pleno, o conselleiro lembrou a perda do peso relativo da economía galega no conxunto español nos últimos anos tanto no que se refire a ratios de emprego como a participación no PIB. Mentres que en 1995 Galicia aportaba o 5,6% do PIB, en 2004 o seu peso reduciuse ao 5,1%. Igualmente, no que se refire á ocupación, a perda entre eses dous anos foi de 1,6 puntos porcentuais ao pasar dun 7,6% a un 6%; e dicir, una reducción dun vinte por cento na súa cuota. Tal e como explicou o conselleiro, a evolución das taxas de actividade, emprego e paro en Galicia estiveron nos últimos anos por baixo da media española o que impediu a necesaria converxencia. Mesmo no último ano, o crecemento da economía galega foi unha vez máis inferior á da española cun 3,3% respecto ao 3,4% do conxunto do Estado. Fronte a este escenario, os datos máis recente revelan un cambio de tendencia moi positivo que está a favorecer o cumprimento dos obxectivos fixados nos orzamentos galegos.

Bos indicadores de actividade e emprego

No seu repaso aos principais indicadores de emprego, o conselleiro lembrou que o paro rexistrado no mes de marzo descendeu un 5,5% en termos interanuais, con 10.227 parados menos. Nesta liña, as afiliacións á Seguridade Social alcanzaron un crecemento do 4,4% no réxime xeral respecto ao mesmo mes do ano anterior. Tamén nos datos da Enquisa da Poboación Activa, a redución do diferencial de paro respecto da media española é positiva para Galicia quedando, ao finalizar o pasado ano, no 9,1% en Galicia respecto a un 8,7% en España. Neste indicador, segundo salientou, Galicia acada o nivel máis baixo do último decenio. Xunto cos indicadores de emprego, o conselleiro expuxo na súa intervención outros como a creación de sociedades mercantís no último trimestre dispoñible –novembro-xaneiro-, cun aumento dun 24,8% respecto do mesmo trimestre do ano 2005. Pola súa banda, os indicadores da industria –que reflicten de xeito moi preciso o clima económico- experimentaron unha clara recuperación nos últimos meses tanto en utilización da capacidade produtiva (85% no periodo novembro-xaneiro, fronte ao 79% do ano anterior); como no Indice de Producción Industrial cun crecemento do 7,4% en febreiro deste ano. As exportacións –cun incremento superior ao 15% en 2005- e as taxas de crecemento de sectores como alimentación, textil e mesmo o automóvil, son tamén ilustrativas do escenario de recuperación que está a vivir Galicia.

Clima de confianza e converxencia

José Ramón Fernández Antonio insistiu no clima de confianza que reflicten todos estes datos e que permiten confirmar os obxectivos sinalados pola Xunta de Galicia para o conxunto do ano. Neste sentido, e tomando como base a evolución dos indicadores sinalados, as perspectivas para o que resta de ano son boas e permiten anticipar o cumprimento dese cambio de tendencia que precisa a economía galega.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia