Skip to main content

Fernando Blanco e Martínez Robles anuncian a creación dunha comisión que estude o desenvolvemento do sector naval e da industria de Ferrolterra

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o presidente da Sociedade Estatal de Participaciones Industriales, Enrique Martínez Robles, acordaron a creación dunha comisión que estude o futuro do sector naval e da industria en Ferrolterra. Nesta comisión estarán integrados a propia SEPI, o Ministerio de Industria, o Goberno galego, empresarios e sindicatos, segundo anunciaron Blanco e Martínez Robles logo da reunión que mantiveron esta mañá en Madrid.

O conselleiro nacionalista afirmou que a comisión, que contará tamén coa participación de SEPIDES (SEPI Desarrrollo Empresarial), pretende buscar camiños de consenso para poder deseñar estratexias que posibiliten a creación de emprego e a xeración de riqueza na comarca ferrolá. A comisión analizará, dixo Fernando Blanco, a viabilidade dos proxectos de desenvolvemento que se poden dirixir tanto ao sector naval coma ao industrial no seu conxunto, co fin de garantir o futuro industrial de Ferrol.

Neste senso, á comisión corresponderalle buscar fórmulas que permitan diversificar o tecido industrial da comarca e analizar outros nichos e empresas que se poidan radicar alí. A xuízo de Fernando Blanco, a comisión determinará cáles son realmente os campos da industria, entre eles o sector naval, que teñen futuro nunha comarca que sufriu fortes procesos de reconversión e á que “hai que dar respostas”. O titular de Innovación e Industria sinalou a importancia de que este traballo se realice de maneira consensuada entre Administración, empresarios e axentes sociais.

Fernando Blanco dixo ademais que a creación deste grupo de traballo atende á solicitude que realizaran tanto o sector empresarial como a parte social, e valorouna como unha “boa noticia”, xa que, dixo o conselleiro, traballará polo “futuro que Ferrol merece e polo que dende o Goberno galego estamos dispostos a apostar”. “Estou seguro –engadiu Blanco- de que tanto a SEPI coma o Ministerio van colaborar”. O titular nacionalista avogou por que a comisión poida constituírse en Ferrol e manter a súa primeira reunión no mes de maio. Fernando Blanco dixo tamén que para esa primeira reunión o CIS Ferrol sería unha “boa ubicación”.

Estaleiro de Fene

Pola súa banda, o presidente da SEPI afirmou que a creación da devandita comisión non supón ningún cambio con respecto ao plan Navantia pactado en decembro de 2004 cos sindicatos para o estaleiro de Perlío.

A este respecto, o conselleiro de Innovación e Industria manifestou que a SEPI garantiu o cumprimento dos acordos cos axentes sociais e o mantemento da carga de traballo para o estaleiro de Fene.

Santa Bárbara

Canto á Fábrica de Armas da Coruña, o presidente da SEPI dixo que se está a facer unha “vixilancia especial” para que a empresa cumpra as obrigas de investimentos e a carga de traballo comprometidas ata o mes de xullo.

Pola súa parte, o conselleiro de Innovación e Industria manifestou a necesidade de acometer un plan de viabilidade para Santa Bárbara. Blanco afirmou que o conselleiro delegado da empresa, co que xa se reuniu, lle transmitiu proxectos para a fábrica da Coruña pero que, en calquera caso, haberá que traballar de maneira consensuada para garantir que isto se cumpra.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia