Skip to main content

A Xunta aproba un conxunto de medidas para potenciar a humanización da paisaxe urbanística de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que o Goberno galego está a traballar nun conxunto de medidas para impulsar a “humanización da paisaxe urbanística do país” e loitar contra a degradación do urbanismo galego. Unha liña aberta coa circular da Consellería de Política Territorial que insta aos concellos a facer cumprir a normativa que obriga ao remate exterior das vivendas en construción e o plan de inspección urbanística posto en marcha por este departamento, e que ten como obxectivo último a aprobación das directrices de ordenación territorial. Para acadalo, o máximo mandatario galego convidou os concellos a traballar “con vocación de concertación e diálogo” a carón da Xunta para facer cumprir a legalidade vixente e ordenar o territorio do país de xeito sustentable.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o máximo mandatario galego fixo fincapé en que o Goberno que preside está a desenvolver un conxunto de medidas que teñen por obxectivo impulsar a “humanización da paisaxe urbanística” de Galicia e frear a degradación do urbanismo galego. Nesa liña enmarcou a circular da Consellería de Política Territorial que insta aos concellos a que apliquen a normativa en relación coa finalización das vivendas inacabadas, así como a posta en marcha urxente dun plan de inspección urbanística para atallar tales incumprimentos. O presidente enmarcou tales iniciativas no traballo que se está a desenvolver para acadar un gran pacto polo territorio en Galicia e aprobar as directrices de ordenación territorial, unha obriga legal de 1995 nunca cumprida.

“A Xunta non está pola labor de utilización de mecanismos indebidos que poidan favorecer aínda máis a presión urbanística xa existente, o desorde e o descontrol previos. Xustamente estamos ordenando e tratando de impulsar un pacto polo territorio, unhas directrices e unha normativa urbanística concertada cos concellos para ir na dirección contraria. Para establecer maiores garantías, maiores controis, respecto á legalidade urbanística, esta é a política que queremos desenvolver”, constatou Emilio Pérez Touriño.

Remate das vivendas

O xefe do Executivo galego enmarcou nese contexto a aprobación dun decreto da Consellería de Vivenda e Solo que abre unha liña de axudas para o remate das casas unifamiliares inacabadas no medio rural e que vai dirixida a que as familias con menos recursos económicos poidan cumprir a normativa. Estas axudas, que suporán o equivalente ao 30% do custe das obras, poderán ser solicitadas por aquelas familias que non superen en 2,5 veces o índice público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

“Este decreto completa así a circular da Consellería de Política Territorial que insta aos concellos a que apliquen a normativa en relación coa finalización das vivendas inacabadas”, salientou o presidente, quen enmarcou estas axudas nas iniciativas do seu Goberno para frear os procesos de degradación urbanística en Galicia.

Axentes urbanizadores

En relación a este aspecto, o xefe do Executivo galego rexeitou de xeito categórico que o Goberno que dirixe vaia permitir que urbanizadores privados poidan realizar expropiacións para a súa construción. “A Xunta non admite nin está de acordo nin asume nin vai desenvolver nunca o feito da expropiación a realizar por urbanizadores privados. Isto debe quedar meridianamente claro. Calquera fórmula expropiatoria se fai por poderes públicos e no marco da legalidade e non se delega nin se pode delegar nin se asume nin traballamos na dirección de derivar ningunha competencia nin ningunha responsabilidade en materia de expropiación a realizar por ningún urbanizador, nin axente nin promotor privado, en ningún caso, baixo ningún concepto”, sentenciou o presidente.

A maiores, Emilio Pérez Touriño explicou que na lei actual, aprobada a pasada lexislatura, se estipula que no marco do planeamento urbanístico dun concello se este determina que existe unha bolsa de terreos susceptible de ser urbanizada pode abrir á libre concorrencia para asignar a tarefa de urbanizar esa bolsa de terreos a un axente privado. “Sempre por decisión do concello e no marco legal dentro do planeamento e o programa do concello, sempre sometido polo tanto a todo tipo de controis e tutelas e en ningún caso permitindo ningún tipo de mecanismo expropiatorio por parte de ningún axente urbanizador”, clarexou.

Precisamente por iso, o máximo mandatario galego emprazou aos concellos a traballar a carón do Goberno autonómico para pór freo ao deterioro do medio e asumir un urbanismo responsable dentro dun marco de desenvolvemento sustentable. Para elo, anunciou a futura aprobación dunhas directrices de ordenación do territorio, un plan integrado de protección do litoral de Galicia e a posta en marcha da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, instrumentos cos que facer cumprir as normativas e protexer o medio.

Concertación e diálogo

“A Xunta de Galicia vai traballar e traballa con vocación de concertación, de diálogo. Temos que concertar, dialogar, pero cos criterios claros, e os criterios son claros, queremos utilizar a responsabilidade e a competencia que temos para ordenar o territorio do país”, expresou o presidente, quen chamou ás corporacións locais a traballar nesa dirección de “comprometerse co país”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia