Skip to main content

O Padroado da Fundación Galicia Europa, presidido polo titular da Xunta, aproba o Plan Estratéxico 2006-2009

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidiu en Santiago a xuntanza do Padroado da Fundación Galicia-Europa, no que se aprobou o Plan Estratéxico 2006-2009. Con este documento séntanse as bases do pulo que o Goberno galego quere darlle a esta entidade e, a través dela, contribuír a facer de Galicia unha rexión forte en Europa.

O Padroado é o órgano de representación, Goberno e Administración da Fundación Galicia Europa. O xefe do Executivo autonómico detenta a súa presidencia e tamén están representadas as entidades que compoñen a Fundación. Este órgano reúnese durante os primeiros meses da cada ano co obxectivo de aprobar a liquidación do orzamento ordinario, a xestión económica e a memoria de actividades correspondentes ao exercicio anterior e dar o visto bo ao programa de actividades e orzamento do seguinte exercicio.

No encontro estiveron presentes os conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Mendez Romeu; Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio; Medio Rural, Alfredo Suárez Canal; Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego; así como o vicepresidente do Banco Pastor, Vicente Arias Mosquera; o vicepresidente primeiro do Consello de Administración de Caixa Galicia, José Rodríguez Reza; e os directores xerais de Caixa Galicia, Caixanova e Banco Pastor, José Luis Méndez, Julio Fernández Gayoso e Fernando Díaz Fernández, respectivamente.

Así mesmo, tamén participaron na reunión o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Francisco López Peña, e Jesús Asorey Carril, en representación das Cámaras de Comercio de Galicia.

Presentación pública de actividades

O presidente da Xunta e o secretario xeral de Relacións Exteriores e Director da Fundación Galicia Europa, Santiago Gómez-Reino, presentarán publicamente as liñas estratéxicas de actuación que a fundación desenvolverá ata o 2009, segundo o establecido no documento aprobado hoxe polo Padroado desta entidade.

A Fundación Galicia Europa

Trátase dunha institución privada sen ánimo de lucro creada para a promoción de todas as actuacións que propicien un achegamento entre Galicia e Europa. Comezou a súa andaina en 1988. Está vencellada funcionalmente á Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, cuxo responsable desempeña tamén o cargo de Director Apoderado da Fundación coa vontade de asegurar unha maior coordinación das actuacións.

Entre os obxectivos da Fundación Galicia Europa destacan formación de mozos e profesionais galegos en temática europea, así como promover a cultura e a economía galegas no ámbito europeo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia