Skip to main content

Pesca investirá máis de 14 millóns de euros en axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros durante o 2006

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, informou esta mañá ao Consello da Xunta da nova Orde pola que se convocan axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros para o 2006 e se modifica a anterior normativa na que se regulaba a concesión destas subvencións. Segundo explicou Gallego Calvar ao resto de membros de Goberno, o seu departamento ten previsto investir máis de 14 millóns de euros no presente exercicio.

Criterios de selección

O novo regulamento que foi presentado hoxe e modifica a Orde do 28 de
novembro do ano 2000 establece os criterios que se seguirán á hora de
seleccionar os expedientes de solicitudes de axudas á paralización
definitiva. Neste sentido, terán prioridade os buques que estean incluidos
no plan de recuperación do fletán negro, seguidos das embarcacións do plan
de recuperación da poboación sur de pescada europea e de cigala no Mar
Cantábrico e no oeste da Península Ibérica, e dos barcos pertencentes ao
plan de recuperación da pescada do Norte. Segundo este baremo, aqueles
buques que estean incluidos nos programas de acumulación de dereitos do
Gran Sol obterán menor puntuación que os pertencentes ás anteriores
categorías. Ao resto das embarcacións outorgaráselles a puntuación mínima.
Asimesmo por cada tramo ou parte de tramo de cinco anos de antigüedade do
barco sumarase un punto ao expediente. En caso de empate terá prioridade o
barco máis antigo.

Neste senso, a Conselleira de Pesca informou tamén que con respecto á nova
orde de axudas crearase un órgano colexiado, formado polo director xeral de
Estruturas e Mercados da Pesca e outros membros deste departamento, que se
encargará de elaborar a proposta de concesión de axudas de acordo cos
criterios de selección. Tras a publicación desta norma no Diario Oficial de
Galicia, os interesados nestas subvencións terán un prazo de 31 días
naturais para presentar as súas solicitudes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia