Skip to main content

Emilio Pérez Touriño anuncia que a Xunta apoiará á industria editorial galega a través de iniciativas como a Lei do Libro e da Lectura ou a Lei de Bibliotecas

O titular do Goberno autonómico comprometeu o apoio da Xunta á industria editorial galega, un sector que cualificou de “moi modernizado, atento ao que ocorre no mundo, xerador de propostas innovadoras e cunha alta capacidade de risco”. A pesar disto, Pérez Touriño considerou que segue a ser un sector “vulnerable” e “merecedor dunha especial sensibilidade e atención por parte dos poderes públicos”. Por iso comprometeu o apoio do Goberno que preside á industria editorial galega, a través de iniciativas como a Lei do Libro e da Lectura e a Lei de Bibliotecas que, segundo lembrou, “deberán ser aprobadas este ano no Parlamento de Galicia”. O presidente da Xunta tamén sinalou a este respecto que xa se está a actuar nesta liña con iniciativas como o Plan de dotación de bibliotecas escolares e de animación á lectura, postas en marcha pola Consellería de Educación.

Durante a presentación do derradeiro volume da Enciclopedia Galega Universal, Emilio Pérez Touriño sinalou que “é vontade do Goberno galego” establecer canles de diálogo permanente cos editores, traballando conxuntamente con eles en mesas técnicas e de seguimento e escoitando as súas opinións e propostas sobre todas as cuestións relacionadas co mundo do libro e a lectura.

Así mesmo, referiuse á importancia “básica e medular” do sector editorial na conformación do sistema cultural galego. “É un sector de certa importancia económica, constituído por máis de corenta empresas, que mantén centos de postos de traballo vinculados directa ou indirectamente a el e que nos últimos anos vén facturando cantidades que oscilan entre os 15 e os 20 millóns de euros”, sinalou. “Pero os datos económicos –engadiu- non esgotan nin dan conta da verdadeira importancia dun sector que ten como principal misión manter viva a publicación de libros en lingua galega”.

Vocación universal

Na súa intervención, Pérez Touriño quixo lembrar a vocación universal que, ao seu entender, sempre caracterizou á cultura galega. “A parte máis viva, maioritaria e perenne da cultura galega” sempre se caracterizou pola súa “vocación universal” e pola súa “apertura ao mundo”, sinalou. E engadiu que “isto é así polo menos desde a Xeración Nós e o diálogo crítico que os seus máis sobranceiros representantes estableceron coa cultura europea do seu tempo”.

Por iso lle transmitiu os seus parabéns a Ir Indo Edicións polo seu traballo da Enciclopedia Galega Universal que, dixo, “nos axuda a percibir a nosa cultura como unha parte senlleira e orixinal da cultura universal”. “Unha obra –engadiu- “que encarna á perfección a posibilidade de conxugar o propio e o alleo, o local e o global, o galego e o universal”.

“Estamos, sen dúbida –concluíu Pérez Touriño-, diante dunha obra do noso tempo chamada a converterse nunha utilísima ferramenta de traballo e de coñecemento e, desde agora mesmo, nun motivo máis de orgullo para a cultura e para o libro galego”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia