Skip to main content

Emilio Pérez Touriño compromete que o tren de alta velocidade a Galicia será unha realidade, ao igual que a supresión da peaxe de Rande e A Barcala

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Toruiño, salientou que o Goberno galego fará que o tren de alta velocidade sexa “unha realidade” en Galicia, ao igual que a supresión das peaxes de Rande e A Barcala.

“As infraestructuras pendentes, ese tren de alta velocidade que Galicia demanda, reclama, e que reclamamos con xustiza, será unha realidade”, declarou Toruiño. Segundo dixo, a Comunidade Autónoma terá un AVE “como é debido” e “sen adxetivos” para “conectar as cidades de Galicia nun máximo de tres horas co resto da meseta”. A conexión con Madrid fará posible o enlace “con todos os elementos de alta velocidade de España e de Europa”.

Así o sinalou o máximo mandatario autonómico na Coruña, durante a presentación pública dos acordos para a supresión da peaxe da Barcala. Na súa intervención, Pérez Touriño agradeceu a vontade de cooperación do Goberno de España que permitiu acadar a liberalización da peaxe. “Unha vontade de cooperación –dixo- que terá os seus mellores froitos xa non só nesta medida senón nas que Galicia debe coñecer no seu futuro próximo”.

O titular da Xunta amosou a súa “profunda satisfacción” por estar “dando conta dun compromiso electoral, do cumprimento dun programa de Goberno e dun contrato coa cidadanía”. Pérez Touriño sinalou a este respecto que se trata dunha medida importante “dende a convicción que temos da política”, posto que, ao seu entender, isto “vai contribuír á dignificar a acción política” e a “recuperar a confianza dos cidadáns na política e nas institucións”.

“Isto é o fundamental é o maior valor que ten esta medida”, declarou. Touriño explicou que “o seu significado profundo é devolver a confianza e que a política serva para non defraudar aos cidadáns e para, cada vez máis, garantir un país que teña confianza en si mesmo, nas súas institucións e na capacidade de desenvolvemento se traballamos xuntos, con vontade de unión, de cooperación e de concertación”.

Superar unha inxustiza

O presidente da Xunta destacou ademais que a aprobación no Consello de Ministros do acordo para a supresión da peaxe da Barcala permitirá “superar unha barreira histórica e levantar as cabinas da peaxe, que desaparecerán definitivamente da paisaxe urbana da área da Coruña”.

Neste sentido, o mandatario autonómico lembrou que esta decisión é un trunfo da cidadanía, que esixentemente reclamaba e “deixara gravada na conciencia cívica o inxusto desta medida”. Trátase, segundo dixo, da “reparación de igualdade de oportunidades para todos os cidadáns”.

Fortalecemento das áreas metropolitanas

No seu discurso, o titular da Xunta salientou que o acordo presentado non é algo illado senón que significa un paso máis na aposta decidida que o Goberno ten na dirección de fortalecer e apostar polas grandes áreas metropolitanas do país. Emilio Pérez Touriño manifestou nesta liña a súa “firme convición” no traballo en rede nas cidades de Galicia buscando o que lles permita mellorar a súa capacidade de competir no espazo europeo.

Por último, o mandatario galego lembrou que xa están en marcha outras infraestruturas na Coruña e na súa área de influencia que permitirán mellorar a mobilidade dos cidadáns e outorgar maior competitividade ás empresas da zona e que, en definitiva, permitirá cohesionar e mellorar o futuro desta área.

Pola súa banda, a conselleira de Política Territorial, María José Caride, incidiu en dúas actuacións que considerou estratéxicas na área da Courña: a construción da terceira rolda, que conectará a cidade coa A-6 e que se prevé que estea rematada no ano 2008; e a vía Ártabra, que mellorará a conexión entre os concellos de Cambre, Oleiros e Sada e a súa área de influencia.

Estas dúas actuacións, xunto con outras como a mellora do transporte metropolitano, o estudo de implantación dun metro urbano, a construcción do porto exterior e a conexión do Eixo Atlántico, constitúen unha peza fundamental para a área metropolitana, declarou a conselleira.

Neste acto estiveron presentes, entre outros, o Delegado do Goberno en Galicia, os alcaldes da Coruña, Cambre e Culleredo, así como os conselleiros de Presidencia e Traballo da Xunta de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia