Skip to main content

Un centro galego traballa nun proxecto para potenciar a utilización de enerxías renovables

Difundir entre os máis novos a importancia de empregar enerxías alternativas e renovables é o cometido da comunidade educativa do Instituto de Educación Secundaria Vilalonga, de Sanxenxo (Pontevedra). O equipo de profesorado do departamento de Tecnoloxía deste centro decidiu no curso 2003/04 aproveitar un material que se atopaba no mesmo ao que ninguén lle daba uso, consistente en dúas placas fotovoltaicas de 35 vatios e un pequeno aeroxerador. Este material, que estaba almacenado, tiña a súa orixe nunhas actividades de formación sobre as enerxías alternativas que se realizaran no centro hai case 20 anos. Daquela, instaláronse estes elementos e a súa produción conectouse a unha aula onde se empregaba a enerxía eléctrica que os elementos xeraban. Os profesores encargados do proxecto, transcorrido un certo tempo, abandonaron o instituto e ninguén continuou encargándose do mesmo.

Así, o profesorado de Tecnoloxía solicitou no curso 2003/04 a autorización para poder instalar estes elementos e utilizalos, nun principio, como medios de axuda didáctica para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). A primeira instalación dos elementos de produción de enerxía eléctrica foi acometida polo persoal e o alumnado (do 1º ciclo da ESO) adscrito ao departamento de Tecnoloxía, co obxecto de non xerar custo adicional algún. Ademais, tamén levaron a cabo a montaxe de circuítos auxiliares de funcionamento coa utilización da enerxía eléctrica xerada. Esta instalación realizouse na aula de ESO. Pouco tempo despois, considerouse que o rendemento da mesma podería ser mellorado cunha nova situación dos elementos de produción. Polo tanto, logo de facer un estudo da situación co obxectivo de mellorar a instalación, realizouse un novo proxecto que se levou a cabo durante o curso 2004/05.

Na actualidade este proxecto é o que está a funcionar no centro. Nel cambiouse a situación dos paneis fotovoltaicos, co obxecto de orientalos máis cara o sur e aumentar deste xeito o tempo de exposición á radiación solar. Ademais, incrementouse a produción de enerxía eléctrica ao mercar unha nova placa de 50 vatios. Para o cadro de control, instalouse para cada elemento de produción o correspondente regulador, amperímetro e voltímetro. Instaláronse tamén as correspondentes baterías de almacén de enerxía e un inversor para corrente alterna a 220 voltios e potencia de 400 vatios. A instalación de elementos de consumo completouse cunha liña a 12 voltios de lámpadas convencionais e de baixo consumo, outra liña de lámpadas de baixo consumo (para reducir ao mínimo a potencia a causa do inversor) de corrente alterna a 220 voltios e dúas liñas de fluorescentes a 12 voltios.

Nesta última parte do proxecto, aínda que a maior parte do gasto e o traballo de instalación corre a cargo do equipo do departamento de Tecnoloxía, reciben axuda económica do centro e técnica do electricista que realiza o mantemento do mesmo para poder efectuar a instalación conforme á normativa vixente.

Estender o proxecto á comunidade educativa

Tanto nas distintas fases de concreción do proxecto, como despois de rematada a súa instalación, o IES Vilalonga está a realizar un importante esforzo para dalo a coñecer entre a comunidade educativa. Así, ademais de difundir esta iniciativa no propio centro, os colexios adscritos da zona realizan visitas ao mesmo nas xornadas de acollida que tamén son extensibles aos pais.

Por outra banda, os alumnos que cursan Tecnoloxía utilizan este proxecto como complemento das correspondentes programacións e como actividade transversal, constatando a importancia da progresiva implantación e uso dese tipo de enerxías.

Ademais, sendo conscientes da necesidade de difundir entre os máis novos a importancia de implantar as enerxías alternativas na construción e na industria, o profesorado do instituto programa unha serie de actividades encamiñadas a un coñecemento máis profundo das mesmas. Así, anualmente realizan visitas ao Parque Experimental de Sotavento co alumnado de 3º de ESO e á empresa Instalacións Eléctricas de Sanxenxo (INELSA), en Noalla, cos alumnos de 1º de Bacharelato para coñecer as instalacións de produción de enerxía eléctrica con conexión á rede con paneis fotovoltaicos. No propio centro instalouse durante quince días unha exposición do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) que foi visitada por todo o alumnado do centro e de moitos centros da zona, e que rematou cunhas charlas impartidas polo persoal do propio INEGA.

Resposta a un modelo enerxético esgotable

Un dos obxectivos fundamentais deste centro de ensino pontevedrés é espertar nos alumnos a toma de conciencia dos problemas medioambientais que ocasiona un modelo enerxético que ten nos combustibles fósiles e na enerxía nuclear de fisión as súas principais fontes enerxéticas. Comezado o presente curso 2005/06, e con motivo da celebración do 25 aniversario do IES Vilalonga, recuperouse e instalouse unha fonte na que o bombeo tamén funciona mediante enerxía solar, ao ir conectada directamente a un panel solar adaptado á mesma. Durante a celebración dos actos do aniversario do centro, distintos colectivos e autoridades visitaron as instalacións do instituto e amosaron unha grata acollida a este proxecto.

A primeiros deste ano e, como recoñecemento a esta actividade, o centro recibiu unha dotación de produción de enerxía solar consistente en dos paneis fotovoltaicos de 75 vatios e unha instalación de colectores solares térmicos co obxectivo de dala a coñecer á comunidade educativa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia