Skip to main content

Máis dun millar de persoas participan no I Día do Emprendedor que se celebra en Santiago de Compostela o 23 de maio

Máis dun millar de persoas participan no I Día do Emprendedor, que se desenvolve en Galicia o 23 de maio e que xa ten rexistrado unha excelente acollida entre as institucións e colectivos do mundo empresarial, educativo e económico en xeral. Organizado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, o encontro conta coa colaboración das consellerías de Economía, Innovación, Educación e Traballo, así como da Confederación de Empresarios de Galicia e do Consello Galego de Cámaras de Comercio. Promovido pola Dirección General de la Pyme –dependente do Ministerio de Industria- o Día do Emprendedor é unha xornada consagrada a persoas emprendedoras que ten como principal obxectivo o fomento da cultura do emprendemento empresarial. Este obxectivo inclúese entre as prioridades da política económica do Goberno galego, que persegue a dinamización da actividade económica como vía para a creación de emprego e o impulso da competitividade, a produtividade e a internacionalización.

O primeiro Dia do Emprendedor inclúe un completo programa de actividades que se agrupan en nove bloques temáticos nos que se desenvolverán relatorios e mesas redondas sobre asuntos como as novas oportunidades de negocio, o financiamento de proxectos, a innovación no emprendemento ou o crecemento e a consolidación empresarial.

Desenvolvéranse multitude de actividades -tanto formativas como lúdicas- dirixidas aos máis diversos perfís persoais e profesionais. Ao celebrarse diversas accións de xeito simultáneo, calquera asistente poderá atopar en todo momento unha conferencia, mesa redonda ou actividade onde se aborden cuestións de interese. Deste xeito, haberá eventos orientados a alumnos de FP ou universitarios con inquietudes emprendedoras; charlas orientadas aos mozos que están desenvolvendo ou buscando financiamento para un plan empresarial; relatorios para novos empresarios que buscan ferramentas ou asesoramento para consolidar os seus proxectos; ou iniciativas para os empresarios con inquietude que estudian o impulso de novas iniciativas emprendedoras. Tanto as conferencias como as mesas redondas terán un enfoque eminentemente práctico, coa exposición de exemplos de empresas de éxito por boca dos seus impulsores.

Análise dos retos, desafíos e oportunidades

No Día do Emprendedor -que se desenvolve en todas as autonomías do Estado durante o mes de maio-, haberá tamén intervencións de expertos de prestixio no ámbito da difusión da cultura emprendedora, e charlas de empresarios con proxectos consolidados que compartirán a súa visión sobre o xeito de superar as dificultades que deben enfrontar a cotío os empresarios.

A innovación, a incorporación da sociedade da información, a evolución dos mercados, a necesidade da internacionalización ou os retos da globalización serán outros dos asuntos que se someterán tamén a análise e debate neste encontro multitudinario que busca ser tamén un exemplo das posibilidades que ofrece a colaboración, tanto institucional como empresarial.

As previsións da organización apuntan a que o colectivo máis amplo será o de emprendedores en sentido estricto, con idea empresarial ou motivación desenvolvida; aínda que tamén haberá nutrida representación de técnicos de emprego, estudantes de segundo ciclo de FP, estudantes universitarios e empresarios.

Foro Galego do Emprendemento

A xornada culminará coa celebración do primeiro plenario do Foro Galego do Emprendemento, impulsado tamén polo Igape para facilitar a colaboración entre institucións, entidades, asociacións ou organismos intermedios con obxectivos comúns no eido da formación e o asesoramento a emprendedores, na prestación de servizos e apoios para facilitar a implantación e a consolidación de novas iniciativas empresariais.

No Foro Galego do Emprendemento, a colaboración articularase principalmente en liña, a través do portal xa aberto en Internet (www.emprenderengalicia.com) e mediante grupos de traballo sobre normativas, mecanismos de coordinación, financiamento de proxectos emprendedores, estudos sobre a actividade emprendedora en Galicia, metodoloxías e ferramentas, e a atención ao emprendedor, entre outros posibles aspectos.
Gabinete de Comunicación do Igape (Xunta de Galicia)