Skip to main content

Innovación e Industria rehabilitará a Casa Grande de Lusío en Samos para o seu uso como albergue de peregrinos

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, asumirá a rehabilitación, acondicionamento e dotación da Casa Grande de Lusío –da que é propietaria a Abadía de San Xulián da Orde Benedictina de Samos– co obxectivo de destinar este inmoble a albergue de peregrinos. O acordo foi plasmado no convenio de colaboración asinado hoxe en Lugo polo conselleiro de Innovación e Industria e presidente do consello de administración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Fernando X. Blanco, e o prior administrador do Mosteiro de San Xulián da Orde Benedictina de Samos, José Luis Vélez.

Segundo o convenio, a Abadía de Samos cede á Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo o dereito real de uso sobre o inmoble, coas súas edificacións subalternas e finca principal. A cesión terá unha vixencia de 55 anos. Durante a vixencia da cesión, a Sociedade terá capacidade para determinar a xestión do inmoble e a organización das actividades que se realicen no mesmo. A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo incluirá a Casa Grande de Lusío na súa rede de albergues.

A Casa de Lusío foi fundada en 1544 por don Pedro Vázquez, pero foi o seu sucesor don Lope Vázquez de Vilamexe quen xunto coa súa dona mandaron construír o pazo en 1551. O edificio completouse con novas estancias e construcións anexas en séculos posteriores. No seu solar naceu Vicente María Vázquez Queipo de Llano, ilustre matemático, físico e político. Froito dos diversos engadidos, o inmoble presenta unha arquitectura de aparencia orgánica e no seu conxunto un dos seus elementos máis distintivos é a capela de San Blas, cunha sinxela obra de mampostería.

Municipio de interese turístico

O conselleiro de Innovación e Industria aproveitou a súa visita a Lugo para anunciar a declaración de Lugo como municipio de interese turístico, unha declaración que el mesmo comezara a tramitar na súa etapa como concelleiro encargado da área de turismo na corporación municipal luguesa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia