Skip to main content

As ONGD galegas reclaman o 0'7% do espazo dos medios informativos para noticias de solidariedade

As ONGD galegas reclamaron en Santiago o 0,7 % do espazo dos medios informativos para noticias de solidariedade. Nunha mesa redonda que analizou o xeito de comunicar das organizacións non gobernamentais de Galicia, o representante de Amarante propuxo que, tal e como se pide que se destindisintee o 0,7% dos orzamentos públicos á erradicación da pobreza, se estableza nos medios de comunicación unha apertura ás noticias sobre accións solidarias.

Trátase, dixo, de non quedar relegadas ás ocasións nas que faltan informacións políticas ou das chamadas “de interese xeral”. Xoán Hermida criticou a “falta de coherencia editorial” das empresas xornalísticas galegas e “os límites de espazos dedicados ás noticias sobre o terceiro mundo ou as accións destinadas a erradicar a pobreza e as súas causas”. Así mesmo, apuntou que neste eido prodúcese “un paradoxo”: mentres a sociedade concede un “grande valor social ás organizacións non gobernamentais”, os editores postulan que “as súas accións carecen de interese mediático”. En consecuencia, preguntouse “se é posible que a opinión pública non coincida coa opinión publicada”.

Así mesmo, Hermida apostou por incrementar as políticas de comunicación nas ONGD e por rexeitar nelas a “pornografía da pobreza” porque “é gratuíta e non achega nada aos ideais solidarios”.

A representante da Cova da Terra, Marta López, denunciou a “descolocación das noticias de cooperación” que se dá habitualmente nos medios de comunicación. Di que non é posible encaixalas nunha sección concreta nin coherente coa temática de cada unha delas.

María Reimondez, de Implicad@s no desenvolvemento declarou que “a visibilidade do traballo e a análise social da pobreza só é posible co apoio dos medios”. Por iso, expuxo que esta organización dispón dun gabinete de comunicación para achegarse aos xornalistas e “ser capaces eles mesmos de xerar noticias que consideran importantes” e non depender da solicitude dos medios informativos.

Xosé Luis Quintela de Intermon Oxfam expuxo na súa participación nesta mesa redonda sobre comunicación nas ONGD diversas reflexións e feitos diferenciais da comunicación destas entidades. O valor diferencial dase, segundo argumentou, pola “capacidade de formulación de alternativas, a capacidade de aglutinación de base social e pola independencia económica das asociacións”. Quintela sinalou que de non cumprirse estas premisas a asociación corre o risco de converterse nunha consultora, o que afasta a meta principal que é comunicar coa sociedade.

“Para comunicar, dixo, tamén se ten de recorrer a tres ámbitos: marketing, financiamento e os recursos humanos; saber a quen se comunica, con qué público e qué queremos comunicar e, sobre todo, quen cre en nós”. Propón focalizar esforzos na comunicación, tendo en conta os recursos limitados destinados a esta finalidade dentro dunha organización solidaria, e cuestionarse os procedementos e canais que utilizamos. Por último, avogou por tratar de avanzar en aclarar os sistemas de comunicación.

Nesta mesa redonda tamén participou Alonso Moure, de Bicis pola Paz, quen reivindicou a idea de que “unha bici pode cambiar o mundo”. Estar organización traballa tamén no proxecto educativo Contos Solidarios no medio rural, apoiados pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. Este programa chega a máis de 12.000 nenos de Galicia, Asturias y Portugal, como un xeito alternativo de comunicar a solidariedade.

Este encontro enmárcase dentro das I Xornadas de Cooperación e Comunicación Social organizadas polo Club de Prensa de Galicia, que se desenvolven na Facultade de Xornalismo de Santiago de Compostela.

Miguel Romero propón que os medios públicos sexan medios alternativos e ofrecer información de calidade á cidadanía

O responsable de Comunicación e Sensibilización do ACSUR Las Segovias, Miguel Romero, resaltou a necesidade de que os medios de públicos sexan “medios alternativos” e transmitan información de calidade á cidadanía, posto que non están rexidos polo interese mercantil. Neste senso considerou que a falta de pluralidade e de información de calidade chamada “polución informativa” e debe ser considerada como un “problema social”.

No marco das I Xornadas de Cooperación e Comunicación Social, Romero salientou tamén que os medios, no tratamento banal das informacións sobre o terceiro mundo “habitúannos ás inxustizas como as guerras ou a inmigración” e conseguen neutralizar a resposta crítica e “eximen á cidadanía dos seus criterios de actuación”. Romero denominou esta situación como “polución informativa” e dixo que se trata dun problema social no que “o medo conquista aos cidadáns. Por iso a sociedade –dixo- descoñece o xeito de reaccionar, aínda que existan sentimentos solidarios e de rexeitamento das inxustizas”

Tamén destacou a dificultade para “a entrada de información crítica” nos grandes medios informativos. Por esta razón, especificou que dende as ONG’s “débese falar cos xornalistas, colaborar e traballar en común pero nunca en clave de conflito” e traballar en accións de comunicación para difundir os seus proxectos e unha conciencia solidaria.

Dende o punto de vista do Responsable de Comunicación e Sensibilización do ACSUR Las Segovias, as ONG´s teñen “a responsabilidade de colocar información de calidade” nos medios de comunicación do xeito “máis efectivo posible”. Despois de recalcar a importancia cualitativa da información, criticou “a lóxica de vender publicidade dende as ONG’s”. Romero remarcou o feito de que a maioría das ONG´s españolas dediquen “menos porcentaxe de orzamentos a traballos de investigación e de divulgación que á propia captación de diferente tipo de recursos”

Miguel Romero é Licenciado en Ciencias da Información e é Coordinador de Estudios e Comunicación da Asociación para a Cooperación co Sur (ACSUR)-Las Segovias. Membro da redacción da revista Vento Sur. Forma parte do equipo de profesores de varios cursos universitarios entre os que está o Curso de Especialista na Información Internacional e Países do Sur da Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. Ademais coordina o módulo Tensións e resistencias no novo sistema mundial dentro do Mestrado Europa Século XXI: Filosofía e Ciencias Sociais.

Gómez-Reino asegura que a UE é o principal socio dos países en desenvolvemento por obriga moral e para atallar os riscos de desestabilización mundial vinculados á pobreza

O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Santiago Gómez-Reino, asegurou que a Unión Europea “é o principal socio dos países en desenvolvemento” por unha “obriga moral” e para atallar os riscos de desestabilización mundial provocados pola pobreza. Esta mañá expuxo na Facultade de Xornalismo as claves da cooperación ao desenvolvemento na Unión Europea, no marco das I Xornadas de Cooperación e Comunicación Social.

Gómez-Reino indicou que na actualidade “os Estados membros e a Comunidade Europea achegan máis do 55% da axuda pública ao desenvolvemento internacional e constitúen o primeiro socio comercial e principal fonte de investimento estranxeiro nestes países”.

Lembrou que as bases desta política comunitaria poden atoparse xa no Tratado de Roma e explicou que a UE decidiu o ano pasado “liderar a vangarda mundial deste movemento” polo que ten previsto incrementar as súas achegas na loita contra a pobreza ata acadar os 84.000 millóns de euros en 2015.

Neste contexto, referiuse á Declaración asinada en xullo do ano pasado de Consenso Europeo sobre Desenvolvemento, na que se expresa a vontade das institucións europeas de “incrementar de xeito importante a axuda ao desenvolvemento” e “mellorar substancialmente a calidade da mesma”. Esta declaración recoñece que “a erradicación da pobreza e a consecución do desenvolvemento sostible nunca tiñan acadado tanta importancia como na actualidade” e que o actual mundo altamente interdependente e globalizado ten xerado “novas oportunidades, pero tamén novos retos”. Vinculada, ademais a “erradicación da pobreza á consecución dun mundo máis estable, pacífico, próspero e equitativo”.

Ante este novo escenario, o secretario xeral de Relacións Exteriores e experto en temas europeos, advertiu da necesidade dunha xestión “eficaz” destes fondos e preguntouse “qué sucederá se, pese ás cantidades inxentes de recursos financeiros que se dedicarán á cooperación para o desenvolvemento, non cesa de crecer a dimensión do problema”.

Santiago Gómez-Reino expuxo que na actualidade 48 países sitúanse na categoría dos Países Menos Avanzados (PMA), mentres que en 1971 eran 25 os incluídos dentro deste grupo. “Que la lista ascenda hoxe ata os 48 reflicte con toda claridade e crueza o rápido incremento da pobreza”. Gomez-Reino denunciou a desproporción existente na acumulación da riqueza. “En contraste con esta deplorable realidade –advertiu- recentes estatísticas de Nacións Unidas amosan que o núcleo duro da poboación rica no mundo (225 persoas) teñen uns ingresos equivalentes ao ingreso anual acumulado de 2.500 millóns de persoas, o 40% da poboación mundial”.

Segundo dixo, estas cifras dannos pistas da que cualificou como “alarmante” dimensión do problema da pobreza e a desigualdades económicas e sociais no mundo actual. Neste sentido expuxo que o século XX “ten sido o século do crecemento económico, do progreso social e dos avances tecnolóxico inéditos e espectaculares” ao tempo que é un período marcado polo “incremento progresivo das desigualdades”, acrecentadas sobre todo na última década debido ao fenómeno da Globalización.

O secretario xeral de relacións internacionais asegurou que “ten chegado o momento de cambar as regras que rexen a orde internacional”, dado que nos atopamos nun “goberno global sen un Estado global” para “manexar” os efectos negativos do fenómeno da mundialización da economía. “O mundo –resaltou- está moi mal gobernado se tratamos de salvar aos pobres sen darlles a capacidade de opinar nin os instrumentos para facelo”.

Na súa intervención, avogou porque a loita contra a pobreza signifique “necesariamente a promoción da igualdade social a través da redistribución de ingresos e recursos, para asegurar así que os sectores máis pobres e vulnerables do planeta se beneficien realmente dos froitos do progreso”. Concretamente, vinculou o éxito da acción a favor do desenvolvemento a tres requisitos básicos: a igualdade de xénero, a defensa dos Dereitos Humanos e a sostenibilidade ambiental”.

Finalmente, Gómez-Reino advertiu que para que o traballo a prol do desenvolvemento sexa efectivo “é fundamental a implicación da sociedade civil” e instou aos participantes nestas xornadas a “incorporarse algunha vez a un proxecto” para coñecer de preto a realidade da que estamos a falar e “mudar a mentalidade” ao respecto. “A miña experiencia de dous anos en África é unha das mellores da miña vida profesional”, confesou.

Santiago Gómez-Reino posúe unha ampla experiencia en institucións europeas e en países en vías de desenvolvemento. En 1990 foi nomeado xefe da delegación da Comisión Europea en Zimbawue ata o ano 1992, no cal foi nomeado director da Oficina Humanitaria da Comisión Europea en Bruxelas. Desde 1997 a 1999 desenvolve a súa labor de director xeral adxunto da Dirección Xeral da Comisión Europea responsable das relacións de América Latina, Asia do Sur, Mediterráneo e Medio e Próximo Oriente. Posteriormente foi director adxunto da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Comisión Europea e conselleiro especial na Dirección xeral de Persoal e Administración da Comisión Europea.

A cooperación galega aposta pola formación e sensibilización como claves para fortalecer as accións a favor do desenvolvemento

O sector da Cooperación para o desenvolvemento en Galicia aposta pola formación e sensibilización como claves para fortalecer as accións para erradicar a pobreza e as súas causas. Así o puxeron de manifesto nunha mesa redonda no marco das I Xornadas de Cooperación e Comunicación Social, que se están levando a cabo durante esta semana na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela

A mesa redonda titulada “A Cooperación dende Galicia” contou coa participación de Xosé Artur Cuns, da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia; Alfredo Novoa, Presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; Xosé María Torres, da Coordenadora Galega de Organizacións Non-Gobernamentais para o Desenvolvemento e Javier Agrafojo, Coordenador da Oficina de Voluntariado da Universidade de Santiago.

Os presentes, representantes de diversas vertentes da cooperación para o desenvolvemento impulsada desde Galicia, insistiron na necesidade de coordenar os esforzos para optimizar así os recursos, humanos e económicos, dispoñibles para tal campo. Neste sentido, Xosé Artur Cuns anunciou que o Plan Director da Cooperación Galega, que será defendido no Parlamento de Galicia o vindeiro luns, será un eixo fundamental para artellar tales vínculos.

Cuns salientou o papel fundamental que a sociedade galega, a través das organizacións do terceiro sector, ten xogado durante os últimos anos presionando ás diversas institucións públicas para que se dedicasen fondos a esta área. Expresou ademais que é “mediante a cooperación para o desenvolvemento que a sociedade galega pon a disposición dos pobos máis pobres do planeta a súa experiencia histórica, os seus valores, activos e recursos, promovendo activamente o dereito ao desenvolvemento”. Por iso, engadiu, o “goberno non fai cooperación como acto de caridade, senón que pola obriga de proporcionar os instrumentos para que as persoas teñan asegurado o cumprimento dos seus dereitos”.

Pola súa parte, o coordenador da Oficina do Voluntariado da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Agrafojo, insistiu na importancia do traballo en rede, colocando como exemplo o éxito de iniciativas como a Declaración de Compostela, subscrita por máis de 200 universidades do espazo iberoamericano, como “ferramenta para achegármonos ao desenvolvemento integral das nosas sociedades”, mediante programas de formación en educación social, desenvolvemento sostíbel, valores democráticos e responsabilidade comunitaria e internacional.

Recalcou ademais a necesidade de profesionalizar as organizacións para o cal deben xogar un papel crucial as universidades. Explicando as actividades que nese campo ten desenvolvido a súa institución, Agrafojo salientou a importancia de programas como o Master en Cooperación Internacional e Voluntariado, que é un dos máis valorados de todo o Estado. Explicou tamén que “os cartos son fundamentais, pero tamén o é a educación, xa que é na medida que interiorizamos valores que vemos que existen outras formas de actuar para o mellor desenvolvemento dos países”.

O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa, salientou a importancia da comunicación nos proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Ate o de agora, dixo, “a totalidade dos recursos van destinados a financiar os proxectos, esquecendo por completo o tema da comunicación”. Na súa opinión, ten unha importancia decisiva o feito de que “a xente coñeza a existencia destes proxectos e da xestión que se fai deles.”.

Tamén invitou a reflexionar sobre a posibilidade da especialización no ámbito da Cooperación. Novoa sinalou que as ONGs teñen unha función específica pero necesitan dun organismo que seleccione os proxectos de maior eficacia dende o punto de vista do desenvolvemento. A función que asignou ás corporacións dos concellos é a de implicar aos seus representantes na Cooperación de Galicia, xa que “existe moita ignorancia en temas de Axuda ao Desenvolvemento”. Os Concellos poden aportar, segundo o presidente do Fondo, os coñecementos técnicos de mantemento de infraestruturas que “poden reducir o déficit en determinado tipo de proxectos”.

Pola súa parte, o presidente da Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, Xosé María Torres, apuntou que a credibilidade e a confianza deben ser as características preponderantes destas organizacións para a transparencia das súas tarefas. Segundo explicou Torres, a resposta desta confiabilidade sería a eficacia, a eficiencia e a ética das labores propias, como tamén a vixilancia da actuación dos proxectos levados a cabo.

Sen embargo, Torres dixo que na Administración “non hai recursos para as ONGs”, sendo categórico nas cifras que sinala que só 4,9 millóns de euros da Administración no ano 2004 foron destinados para o tema da axuda ao desenvolvemento. Igualmente, o presidente da Coordinadora Galega de ONGs, afirmou que “a Cooperación non debe ser un tema partidista nin que involucre a actores políticos senón un tema que aborde a totalidade do país”.

A xeito de conclusión, os catro conferenciantes trataron o tema da pertinencia da publicidade sobre as actividades desenvolvidas polas ONGs. Neste sentido, indicaron que “aínda que poida verse como unha tarefa perdida polos baixos índices de Cooperación en Galicia, mostráronse confiados en que os labores realizados terán cada vez máis repercusión de cara a participación social para o desenvolvemento”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia