Skip to main content

O conselleiro de Economía anuncia que o Plan Integral de Desenvolvemento de Ferrol estará listo antes de fin de ano

El Plan Integral de Desenvolvemento de Ferrolterra estará listo a finais deste ano segundo anunció en Ferrol o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio. A elaboración do Plan suporá un paso máis dentro das iniciativas levadas a cabo pola Xunta de Galicia no seu obxectivo de impulsar o desenvolvemento socio-económico da comarca ferrolana.

Segundo explicou o conselleiro, o Plan partirá dunha análise rigorosa das necesidades da comarca e definirá as estratexias axeitadas para lograr o seu desenvolvemento integral. Neste sentido, o conselleiro lembrou a importancia de que o plan recolla accións de dinamización e diversificación do tecido produtivo pero, tamén, de promoción e creación de capital tecnolóxico e humano, de formación e de infraestruturas. En definitiva, segundo explicou, conterá análises de competitividade territorial, avaliación de opcións de crecemento e liñas de actuación concretas. Fernández Antonio engadiu que no proceso de elaboración do Plan contarase coa participación de empresarios, axentes sociais e institucións da comarca de tal xeito que sexa un procedimento aberto ás aportacións de distintos colectivos.

Nesa liña de colaboración enmárcase tamén a reunión que mantivo o conselleiro coa Asociación Impulsora do Plan Ferrol que reúne a Cámara de Comercio de Ferrol, Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal e os sindicatos CC OO, UGT e CIG. No transcurso do encontro, o conselleiro repasou as accións desenvolvidas dende a primeira reunión, o pasado mes de novembro. Entre elas, cómpre destacar a recuperación dunha partida non executada de seis millóns de euros do Ministerio de Industria que elevou a 9,5 millónes de euros os fondos adicionais dispoñibles polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para apoiar investimentos empresariais en Ferrolterra. Esta partida complementa para o caso ferrolano os apoios que obteñan proxectos de investimento na comarca no marco das liñas de apoio do Igape. Precisamente, tanto na bases de apoio a investimentos, como na de mellora da produtividade, os proxectos que se presenten para o seu desenvolvemento en Ferrolterra contan cunha discriminación positiva tanto nos requisitos para recibir as axudas como na intensidade destas.

Acordos co Ministerio de Industria

Outro dos fitos recentes en relación co impulso da comarca foi a firma, este mismo mes, do convenio entre o Igape e o Ministerio de Industria polo que se coordinarán as accións para a selección de investimentos subvencionables na comarca. O Ministerio dispón dunha partida de 46,5 millóns de euros que inclúen 3,5 millóns para subvencións a fondo perdido e 43 millóns de euros en préstamos a tipo de interés cero reembolsables en quince años. A convocatoria para acudir a esta liña de axudas remata o próximo 30 de abril. Dado que a selección de proxectos resolverase por concorrencia competitiva, o conselleiro lembrou a importancia da presentación de proxectos. Non obstante, Fernández Antonio avanzou que xa alcanzou un acordo co ministro de Industria, José Montilla, para a apertura dunha segunda convocatoria, neste mesmo ano, se non se agotan a totalidade dos fondos dispoñibles na convocatoria aberta.

A orde de axudas do Ministerio ten como obxectivo o apoio de proxectos dirixidos á reindustrialización e dinamización tecnolóxica da comarca e abrangue accións no campo das infraestruturas técnicas, industriais e de servicios; e tamén de iniciativas industriais que xeren emprego e teñan potencial na dinamización de actividades auxiliares. Neste sentido, contémplanse actuacións tanto para a instalación de industrias de sectores emerxentes, como de sectores maduros que incorporen procesos de elevado contido tecnolóxico. Igualmente, inclúe accións en actividades industriais que diversifiquen o tecido produtivo da zona, e aquelas orientadas á agrupación tecnolóxica de empresas innovadoras apoiadas por axentes como parques tecnolóxicos ou centros de innovación.

Xornada de presentación do Igape

Trala reunión mantida coa Asociación ferrolana, o conselleiro participou na xornada de presentación das novas liñas de axuda do Igape na que explicáronse as principais novidades do abanico de apoios e servicios cos que conta a axencia de desenvolvemento dependente da Consellería de Economía. O conxunto das liñas abranguen dende o apoio a investimentos e mellora da produtividade ata as liñas dirixidas a emprendedores; a iniciativas de internacionalización; a desenvolvemento de capital humano; e ao reforzamento de pemes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia