Skip to main content

A Xunta realizará unha avaliación de riscos de todas as sedes xudiciais galegas ao longo deste ano

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da súa Dirección Xeral de Xustiza, realizará unha avaliación de riscos nas 52 sedes xudiciais da Comunidade Autónoma. A avaliación completa levarase a cabo antes de finalizar o ano, terminando así coa situación de incumprimento existente no eido de prevención de riscos ao carecerse de plans de prevención nos diferentes órganos xudiciais.

Desta maneira, segundo o programa que ten establecido o Servizo de Prevención de Riscos Laborais, en cada centro se levarán a cabo tres fases, das que a primeira -a avaliación inicial de riscos laborais- terá lugar ao longo da primavera. Este traballo de avaliación da situación existente suporá a visita a cada un dos diferentes centros de traballo e o percorrido polas súas instalacións, para obter a documentación e información necesaria.

En función dos resultados obtidos na primeira fase planificaranse os plans de emerxencia e a actividade preventiva, determinando e priorizando as accións a realizar, para eliminar, controlar e reducir os riscos identificados nas sedes xudiciais. Así mesmo, estableceranse os prazos de execución das accións propostas.

Formación e prevención

Por último, para eliminar as carencias actuais no eido da prevención de riscos laborais, a Consellería levará a cabo unha tarefa de formación e información dos traballadores, con cursos nos que se tratarán, entre outros, os conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, a prevención de riscos xerais e específicos de cada sector. Ademais, está en marcha un proceso de petición dos listados para levar a cabo recoñecementos médicos, cuxo comezo é inminente.

Así mesmo, a Xunta de Galicia continúa o proceso de creación de unidades de prevención de riscos laborais descentralizadas en cada provincia, que contribuirán á integración da prevención.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia