Skip to main content

A Dirección Xeral para o Deporte e os clubs chegan a un acordo sobre a celebración da Copa Xunta de Fúbol

A Dirección Xeral para o Deporte e os representantes dos clubs de fútbol invitados a participar na Copa Xunta de Galicia chegaron a un acordo inicial sobre as datas nas que se celebrará a primeira fase do torneo.

Directivos do Celta, Deportivo, Racing de Ferrol, Pontevedra, Ourense, Negreira, Celta B e Lugo reuníronse co director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, coa intención de dar resposta aos problemas de datas existentes para a celebración da primeira edición da Copa Xunta.

Ante os importantes compromisos que teñen os equipos de Segunda, Segunda B e o Lugo no mes de maio e xuño, descartouse celebralo neses meses e optouse por acudir ao verán. Desta forma, e para cubrir as necesidades do Deportivo, o club que tiña maiores atrancos por varios compromisos anteriores (Teresa Herrera, Centenario), optouse porque a primeira fase terá lugar no mes de agosto, aínda coa posibilidade de xogar algún partido en setembro, se os clubs se poñen de acordo.

Con respecto ás semifinais e á final, decidiuse esperar ata a aprobación do calendario da tempada 2006/07, para coordinar as datas. Tamén se tratou sobre algúns aspectos puramente técnicos relacionados cos partidos, nos que foi sinxelo alcanzar acordos.

O trofeo Xunta de Galicia de fútbol foi presentado recentemente pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, e dende o principio os clubs invitados manifestaron o seu desexo de participar neste torneo, a pesares dos problemas existentes para encontrar ocos nun calendario tan apertado. Por iso, celebrouse esta primeira reunión de traballo, na que xa se alcanzaron varios acordos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia