Skip to main content

O conselleiro de Presidencia avoga pola modernización do réxime de axudas aos centros galegos no exterior

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, avogou pola modernización do réxime de axudas aos centros galegos no exterior, dentro da política de transparencia das administracións públicas do Goberno. Así, adiantou a intención da Xunta de substituír “inmediatamente” o sistema actual de axudas e subvencións por outros de pública concorrencia e de avaliación por medio de órganos colexiados que permitan que as axudas asistenciais dirixidas aos emigrantes poidan ser comprobadas e cotexadas no futuro. Así mesmo, avogou por que o financiamento dos inmobles onde están ubicados os centros galegos teñan algunhas limitacións de uso que garantan que se destinan de forma habitual e permanente a servir a esa finalidade; e que prioricen a mancomunidade das demandas para concentrar as actividades e “crear unha masa crítica máis eficaz”.

Neste sentido, indicou que os recursos da Secretaría de Emigración medraron en 2006 un 6,2% con respecto ao ano anterior e que os orzamentos da Xunta contan con apartados destinados ao funcionamento dos centros no exterior, a becas de posgrao para que emigrantes de segunda e terceira xeración, á introducción das tecnoloxías da información e comunicación e a programas de xuventude no que se atenden actividades como a práctica deportiva, a producción audiovisual e a programación de actividades culturais. Romeu afirmou así mesmo que o orzamento permitirá atender sanitariamente a 2.700 xubilados en Venezuela este ano, así coma un novo tratamento das bibliotecas dos centros de emigración para conseguir unha dotación mellor, unha renovación dos seus fondos e “que sexan verdadeiros centros da promoción da cultura galega no exterior”.

O titular de Presidencia sinalou ao Plano Estratéxico da Política de Emigración para 2006-2008 como órgano principal para artellar estas medidas, subliñando que ten que permitir un incremento da cobertura sociosanitaria e a aplicación da Lei de Dependencia; unha mellora dos mecanismos de información, de educación e de cultura, dereitos políticos, eleccións e a creación no exterior de verdadeiras oficinas de representación comercial e empresarial que permitan “non só achegar aos emigrantes á política de axudas e demais beneficios “.

“Todo isto ten que ser culminado coa atención á política de emigración no novo Estatuto de Autonomía, e posteriormente nunha nova Lei de Galeguidade que é a que ten que matizar cales deben de ser os novos dereitos, como se deben exercer e de que xeito debemos avanzar”, declarou.

Voto en urnas

O conselleiro lembrou que un de cada tres emigrantes no exterior son galegos “e por tanto temos un nivel de inquedanzas e unha casuística superior e con matices moi diferentes dos que poidan ter outras comunidades”. Nese sentido, puntualizou que, se ben o Estatuto dos cidadáns españois no exterior que está a impulsar o Goberno español é, con respecto á lexislación de 1971, “un paso adiante evidente”, a Xunta “mantén e defende”, e agarda chegar “a un grao de convencimento” a necesidade de recoñecemento da nacionalidade aos netos dos emigrantes galegos porque, segundo afirmou, estes constitúen “un capital humano imprescindible en contextos precisamente moi alonxados de nós e unha oportunidade en termos comerciais, empresariais e culturais que non deberíamos desperdiciar”, ao que hai que engadir, dixo, a súa capacidade como “vehículo de expansión da lingua”.

Romeu avogou por mellorar a participación dos emigrantes nos consellos de residentes, xa que “os baixos índices de participación restan lexitimidade a eses órganos” polo que ofreceu a solución de xuntar o proceso de elección a estes consellos coas eleccións externas, e sinalou a necesidade de acotar “moito mellor” a representación política dos emigrantes. “Non cremos que sexa bo deixar aberto a unha regulamentación posterior en que eleccións poderase facer o voto mediante urna, cremos que se debe acotar a todas as eleccións e a todas as demarcacións consulares onde sexa posible facelo”, asegurou.

Representación política dos emigrantes

Sobre a representación política dos emigrantes, referiuse ás declaracións do presidente da Xunta sobre a necesidade de que o debate sobre a representación política dos emigrantes se dea no Senado, e engadiu que é un caso que terá que ser obxecto de acordo entre as diferentes forzas políticas no momento en que se modifique a Lei Electoral do Estado e, no seu caso, a de Galicia.

Doutra banda, no que se refire ao Estatuto dos cidadáns españois no exterior, o conselleiro declarou que está “chamado a significar un fito fundamental no tratamento dos emigrantes no noso país” ao crear un marco regulamentario para facer fronte aos novos retos e demandas da emigración, como, por exemplo, os dereitos políticos como o voto en urna ou as garantías para que os emigrantes galegos poidan exercer o seu dereito ao voto baixo as “garantías democráticas habituais en calquera lugar”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia