Skip to main content

Os mellores triatletas galegos competirán por primeira vez o domingo 23 de abril coa camisola de Galicia

Por primeira vez na historia do Deporte Galego, os triatletas galegos que participan o domingo 23 de abril en Estoril nunha proba puntuábel para a Copa de Europa, farano vestindo a indumentaria da selección galega. Santiago Domínguez Olveira presentou esta mañá en rolda de prensa ao combinado que representará a Galiza nesta cita, e que está integrado por Javier Gómez Noya, Alberto Trillo, Aida Valiño, Saleta Castro –presentes no acto- e David Castro. Para o director xeral para o Deporte “é un grande orgullo presentar á selección galega de triatlón, xa que responde á intención de seguir aumentando o número de seleccións nacionais, tal e como se prometera trala posta en marcha da selección de fútbol”. Domínguez Olveira insistiu en que este paso “potenciará o noso deporte e permitirá comprobar como brillan os deportistas galegos entre os mellores”.

A proba, que se disputa este domingo en Estoril, contará con participación masculina e feminina, e en ámbalas dúas modalidades Galiza espera acadar os primeiros postos. Santiago Domínguez agradeceu o traballo “constante e serio” da Federación Galega e dos deportistas, artífices de que “hoxe Galiza sexa en triatlón unha potencia mundial”.

O presidente da Federación, Ramón Meilán, tamén presente na rolda de prensa, destacou o nivel da selección, “integrada por xente moi seria, importante e contrastada”, e afirmou que estamos “nun día histórico para o triatlón galego”.

Por parte dos deportistas, Gómez Noya, que está a preparar o Campionato de Europa e do Mundo, reiterou que se trata “dunha ocasión especial porque representar as cores de Galiza é para nós moi motivador, polo que imos dar nesta proba o cento por cento”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia