Skip to main content

O orzamento do Plan Avanza en Galicia ascenderá a case 60 millóns de euros en 2006

O Consello da Xunta autorizará s a sinatura dun convenio marco entre a Consellaría de Innovación e Industria e o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio para a realización das actuacións en Galiza do Plan Avanza, plan posto en marcha polo goberno estatal para impulsar a Sociedade da Información e acadar a axeitada utilización das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) para contribuír a un modelo de crecemento económico baseado no incremento da competitividade e a produtividade, a promoción da igualdade social e a mellora do benestar e calidade de vida dos cidadáns.

O convenio que asinará o departamento dirixido polo nacionalista Fernando X. Blanco co ministerio plasmará as condicións en base ás que se levará a cabo a colaboración entre ambos organismos para a realización de actuacións do Plan Avanza, actuacións que xirarán entorno a cinco eixos fundamentais: o desenvolvemento de medidas para garantir a extensión do uso das TIC nos fogares; aquelas encamiñadas a impulsar a adopción de solucións tecnoloxicamente avanzadas polas pemes e o desenvolvemento industrial do sector TIC; a incorporación das TIC no proceso educativo e de formación en xeral incluíndo a todos os colectivos que participan del; a posta en marcha de actuacións que permitan ampliar a oferta e calidade dos servizos prestados actualmente polas administracións públicas; e a creación dun novo contexto dixital que favoreza que as infraestruturas de banda ampla cheguen a todos os cidadáns, que xere confianza nestes e nas empresas no uso das novas tecnoloxías e que promova novos contidos dixitais e mecanismos de seguridade avanzados.

Este convenio marco desenvolverase mediante a realización das addendas incluídas durante a vixencia do mesmo, que será do presente ano 2006 ao vindeiro 2010. O orzamento do convenio para este ano ascende a 59.920.739 euros. Inclúe achegas económicas por valor de 18.934.955 euros (dos que a Xunta achega 7.573.982 euros), medidas complementarias que executa a Xunta de Galicia por valor de 4.821.857 euros e empréstamos por valor de 36.163.928 euros aportados polo ministerio.

Os destinatarios das actuacións que se desenvolvan no marco deste convenio son todos os habitantes, empresas e institucións de Galiza, pretendéndose que se beneficien da aplicación das novas tecnoloxías en todos os ámbitos sociais e económicos. De consideralo necesario, a consellaría poderá establecer con entidades locais os correspondentes convenios para levar a cabo as actuacións e achegas precisas para a execución do Plan Avanza no país.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia