Skip to main content

O presidente da Xunta garantiza que mentres goberne non construirá en Galicia nin un só quilómetro de estradas con peaxe

O presidente do Executivo galego garantiu que, mentres goberne, a Xunta non construirá “nin un só quilómetro máis de peaxe”. Emilio Pérez Touriño salientou que o acordo co Goberno central para levantar as peaxes no Morrazo e A Barcala supón reparar unha “inxustiza histórica” que obrigaba aos cidadáns das dúas áreas metropolitanas máis importantes de Galicia a “pagar para acceder a servizos básicos” e facelo sen “ningún custe adicional para Galicia”. Asemade, o presidente comprometeuse a que no horizonte de 2010 todos os cidadáns da comunidade poderán circular entre Vigo e Pontevedra sen pagar peaxes e emprazou ao portavoz parlamentario do PP a abandonar o “oportunismo” e a política do “vale todo” na oposición do Goberno se quere ser “responsable, leal e coherente” cos cidadáns de Galicia.

Na súa comparecencia ante o Pleno do Parlamento para responder a dúas preguntas do PSdeG-PSOE e o PP, o máximo mandatario de Galicia defendeu o acordo acadado co Goberno central para levantar as peaxes do Morrazo e A Barcala, argumentando que permite corrixir a “inxustiza histórica” cometida cos cidadáns destas comarcas, “que non tiñan nin teñen aínda unha alternativa real” para desprazarse. Ademais, salientou que esta solución permitirá incrementar un 100% as posibilidades de mobilidade na área sur de Galicia e un 300% en comparación co acordo anterior.

Solución universal e definitiva

“É un bo acordo porque é unha solución universal e definitiva, para todos e para sempre”, salientou Touriño, quen lembrou que a “inexistencia de planificación” nas infraestruturas durante os 16 anos de goberno do PP consolidou que os cidadáns destas dúas zonas “foran literalmente cativos” das peaxes. “Non hai ningún outro caso en Galicia onde haxa cidadáns cativos e impedidos de poder circular libremente sen ter que pagar unha peaxe para acceder aos servizos públicos básicos cotiamente, para acceder aos servizos sanitarios, aos servizos educativos, aos servizos administrativos, á xustiza”, remarcou.

Nese senso, o presidente da Xunta acusou ao portavoz do PP, Alberto Núñez Feijóo, de facer un discurso “demagóxico, carente de rigor, do máis mínimo sentido e falto á verdade”, pois o acordo co Goberno central “non supón ningún custe adicional para Galicia” dado que xa se estaban a pagar á concesionaria da AP-9 tres millóns de euros polo bono-peaxe vixente ata o de agora.

“Vostede, señor Feijóo, engana á cidadanía, non van soportar un euro adicional de custo sobre o que xa viñamos pagando nos dous casos. É o Goberno do Estado quen financia esta medida por dous motivos: para liberar tráficos cativos e porque o Goberno entende que Galicia saíu perdendo coa privatización que vostedes fixeron”, recriminou Touriño, quen lembrou que foi o Goberno de José María Aznar o que no ano 2000 prorrogou ata o 2048 a concesión da AP-9, que logo privatizou, entregando o “patrimonio máis prezado do país” a unha empresa privada e “levando o diñeiro para fóra de Galicia.

Cofinanciación de actuacións do Estado

Nesa liña, o xefe do Executivo galego lembroulle ao dirixente popular que o PP “encheu Galicia de peaxes, en Carballo, na Coruña, en Santiago, Ourense, e na prolongación da autoestrada no sur”. Asemade, censurou que nos últimos anos destinaran 300 millóns de euros a cofinanciar actuacións que eran competencia exclusiva do Estado, como o Eixo Atlántico e as autoestradas Santiago-Dozón e Dozón-Ourense.

“Vostede é como un mal neto, vostede é como aquel mal neto que malvende as fincas do avó, que estraga o seu patrimonio e que agora vén aquí a reivindicar a herdanza. Vostede é como aquel raposo que se pon ao coidado do galiñeiro. E por iso lle corresponde estar moitos anos de penitencia na oposición”, auguroulle Emilio Pérez Touriño a Núñez Feijóo.

Fronte a estes feitos, o presidente comprometeuse a que mentres teña responsabilidades de Goberno “non construirá nin un quilómetro de peaxe nesta comunidade“. “Encheremos Galicia dende xa de autovías que vertebrarán a este país. Esa é a diferenza. No horizonte de 2010 os cidadáns de Galicia poderán facer aquilo que nunca soñaron cun goberno do Partido Popular, que é circular libres de peaxe entre Pontevedra e Vigo e Vigo e Pontevedra. Ese é o compromiso do Goberno que presido”, manifestou o presidente, quen emprazou a Alberto Núñez Feijóo a deixar a un lado o “oportunismo” e abandonar “a política de vale todo”.

Porén, o presidente da Xunta demandou do líder do PP “responsabilidade, lealdade e coherencia cos cidadáns de Galicia” e emprazouno a explicar ante a cidadanía se está a favor de que os cidadáns paguen ou non peaxe en Rande e A Barcala. “Vostede ten que dicir se realmente está en disposición de escoller entre liberar da peaxe aos cidadáns de Rande, aos de Vigo, da Barcala e A Coruña, ou o que está a facer é aplaudir a súa continuidade e regalarlle recursos unha vez máis ao Ministerio de Fomento. O que non pode é pretender estar cada día a todas, estar en misa e repicar”, recriminou Pérez Touriño.

Proxecto de país

“Un aspirante a líder ten que ter un proxecto político do país, e non vale apuntarse a todo o que se move. Vostede ten que subir aquí e explicarlle ao país se defende o recurso diante do Tribunal Constitucional contra as vodas gais, se o defende como o defende o seu partido, ou se lle gusta cambiar a chaqueta para polas tardes asistir ás vodas gais, que si que parece que lle gusta”, censurou Touriño. “Vostede debe explicar nesta Cámara e dicirlle se é verdade que vostede está en disposición de defender o autogoberno de Galicia no seu máximo nivel ou cambiarse de chaqueta pola tarde e ir a recoller firmas para impedir que outra comunidade como Galicia teña tamén o máximo nivel de autogoberno”, abundou o presidente.

O máximo mandatario galego lamentou que ao PP lle “moleste” que sexa un goberno progresista o que levante a peaxe e, fronte á estratexia de “bulla” e “ruído” recordoulle que os cidadáns “comprenden, entenden, discirnen e votan” polo que lle augurou unha longa “ penitencia” na oposición.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia