Skip to main content

Comparecencia de Adega sobre o Estatuto de Galicia

PREÁMBULO.

Dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, desexamos facer as seguintes achegas para seren incluidas no novo Estatuto de Galiza:
Galiza é unha Nación, definida pola sua cultura, historia e medio natural. Éo por ser unha comunidade diferenciada humana con trazos obxectivamente diferenciais, como o de ter unha lingua propia e estar asentada nun territorio definido. Mais, sobretodo, Galiza é unha nación porque na súa cidadanía existe a consciencia de formar parte dunha sociedade diferenciada. Portanto, o presente Estatuto é a norma que garante a singularidade de Galiza como nación.
Polo presente Estatuto, Galiza suscrebe os dereitos humanos tanto polo que se refire á Declaración Universal, como aos que con posterioridade foron incorporados como os dereitos medioambientais e o dereito á autodeterminación, que nos corresponde por sermos un povo cunha memoria colectiva e fondas raices que nos identifican cunha Terra, unha cultura, unha historia, unha língua propias e unha particular percepción do medio.
Froito desta longa e peculiar relación co noso entorno é que xurdíu un aproveitamento sustentábel e equilibrado dos recursos naturais renovábeis e non renovabeis ao longo de moitos anos da nosa historia. Todo este tempo que levamos establecidos como povo, e que condicionou a nosa específica maneira de espallarnos polo ambiente, determinou tamén unha configuración ambiental de Galiza na que a humanización da paisaxe é determinante para definir calquera tipo de desenvolvimento. Por iso, dende ADEGA reclamamos a defensa do noso medio e da nosa cultura como parte integrante do ecosistema humano propio da Galiza.
Se ben o ambiente non coñece límites administrativos, coidamos que no que hoxe se coñece como Galiza conviven múltiplos ambientes que ultrapasan estes límites, polo que, como ecoloxistas, consideramos imprescindíbel a cooperación cos nosos veciños, Asturies, Castela-León, e con Portugal, en materia de protección e de xestión medioambiental. No presente Estatuto de Autonomía, deberán establecerse as canles e intrumentos legais conducentes á facer efectiva esta cooperación.
Como habitantes: os que hoxe moramos en Galiza nen somos os primeiros nen seremos os últimos, polo que reclamamos que as institucións de governo se rixan por principios baseados nos valores de liberdade, igualdade, solidariedade sincrónica e diacrónica -cos coetáneos, e coas xeracións futuras-, xustiza social, recoñecemento da diversidade humana, de xénero, cultura e opción sexual e de tipos de familia. Respeito tamén polos demáis seres vivos, baseado nunha ética biocéntrica que se sobrepoña á tradicional antropocéntrica, na crenza que os humanos partillamos o planeta con outros seres vivos, tan necesarios para nós como nós para eles.
* Expresamos o noso compromiso cunha política que promova o desenvolvimento e a implantación de principios democráticos, baseados na extensión da xustiza social a todos os habitantes, fundamentados nos dereitos humanos, na solidariedade entre os povos, no afianzamento e extensión da sociedade do benestar, que son os alicerces do desenvolvimento sustentável, na crenza que non hai maior contaminación que a pobreza, sexa esta material ou espiritual.
* Rexeitamos todo tipo de guerra e outras formas de violencia. Sabedores que a paz non é sinónimo de ausencia de guerra, senón o produto de unha convivencia fundamentada en valores de xustiza, de converxencia e de resolución pacífica dos conflictos.
* O Governo galego deberá comprometerse a cumprir os acordos internacionais en materia de Ambiente, e promover todo tipo de iniciativas conducentes á resolución da crise ecolóxica mundial exemplificada na mudanza climática, contribuindo a freala con resolucións eficientes en tempo e espazo, e asumindo o cumprimento dos acordos do cumio de Rio de Janeiro 92. Tamén, a administración galega deberá compromenerse a promover un aproveitamento sustentábel e racional dos recursos naturais, particularmente da auga, asumindo os principios da Nova Cultura da Auga. Tamén a promover unha política de xestión dos residuos baseada nos tres Rs (reducir, reusar, reciclar).

* O Governo galego deberá garantir a preservación e mellora do noso Patrimonio Natural e Cultural, na crenza que a cultura xerada na Galiza corresponde á resposta intelixente da sobrevivencia perdurable nun medio ambiente modelado e humanizado ao longo dos séculos que levamos instaladas/os nel. Por iso, a língua galega, expresión xenial desa cultura, debe ser obxecto da máxima atención, promoción e cultivo.

DEREITOS DA CIDADANÍA

1.- Participación. Como asociación ecoloxista, ADEGA defende a democracia participativa. Polo que no Estatuto de Autonomia debe ficar garantido o dereito de todos os galegos/as a participar plenamente das cuestións que afecten á vida pública en todos os seus aspeitos, nomeadamente naqueles nos que ADEGA poida ser considerada como opinión de autoridade, debido á sua historia e traxectoria de mais de 30 anos de traballo social en Galiza de defensa do noso ambiente natural e cultural.

2.- Dereito á receber información honesta e clara en todas as relacións da cidadanía coa Administración. Nomeadamente no que se refire as actuacións en materia ambiental, territorial, industrial, e políticas agroalimentares. Neste senso deberanse respeitar e promover os acordos sobre o Dereito á Información e Defensa Ambiental suscritos no Convenio de Aarhus recentemente ratificado, e desenvolvidos nos tres apartados de: a) dereito ao acceso á información; b) dereito á participación; c) dereito á xustiza.

3.- Dereito á saúde. Os poderes públicos comprometerse han a garantir a saude das cidadans/os, polo que se refire a:
* Nutrición. Os cidadans deben ficar protexidos dos axentes contaminantes e nocivos que poidan ir incluidos na sua dieta: alerxenos, pesticidas, hormonas, aditivos, etc. nomeadamente aqueles contaminantes que poidan presentar bioacumulación ou provocar trastornos no desenvolvimento. Nese senso serán de especial proteción os produtos adicados á alimentación dos bebés e crianzas en xeral, asi como das nais xestantes.
* Contaminación ambiental. Os cidadans ficarán a salvo da contaminación ambiental en xeral. Todos/as temos o dereito a desfrutar dun ambiente saudável. Recoñeceranse as doenzas de tipo ambiental provocadas pola acumulación no organismo de substancias contaminantes froito dunha exposición momentánea ou continuada, tais como emisións de gases e partículas tóxicas na atmosfera, compostos disoltos ou veiculizados nas augas ou incorporados no solo.
* Transxénicos. Galiza declárase territorio libre de transxénicos. A povoación ten o dereito a ser protexida dos produtos transxénicos, tanto por medio dunha información veraz e clara, como seguindo a moratoria internacional encol destes produtos recentemente anovada no Encontro de Curitiba no Brasil.
* Nuclear. Galiza declárase como territorio desnuclearizado, isto é, libre de instalacións de producción, erniquecimento ou armacenamento de combustíbel e refugallos nucleares, polo perigo que entranan tanto para as xeracións actuais como as futuras.

3.- Sustentabilidade. A cidadanía galega, ten o dereito a mellorar o seu nível de vida extensivo a todas as/os cidadáns/ás e a que a calidade de vida sexa perdurábel, baseada na boa administración dos nosos recursos naturais, renovábeis e non renovábeis, culturais e económicos. Actualmente o modelo enconómico occidental baseado no “crecemento” do que fai parte Galiza, non é sustentábel. En ADEGA coidamos que para avaliar o progreso social cómpre ir abandonando os patróns de “crecemento” e introducindo outros máis vencellados á economía ambiental e apoiados en instrumentos como a pegada ecolóxica. O consumo medio da sociedade galega, como parte da sociedade da “opulencia”, por máis que non atinxa a media europea, está por riba das posibilidades dunha sociedade sustentábel. Neste senso, impóñense varios criterios ou obxectivos: a) Galiza debe conter o seu consumo; b) Galiza debe intensificar a solidariedade internacional, por exemplo a través do 0,7% do PIB para axuda internacional, taxas Tobin, etc.
Tamén para garantir a sustentabilidade, o desenvolvimento debe ser eminentemente endóxeno, baseado nas nosas propias capacidades creativas para atallar a progresiva dependencia das tecnoloxias foráneas, que promoven as industrias extractivas e poluintes en detrimento daquelas que favorecen o valor acrescentado dos produtos.

4.- Enerxía. Todas/os os/as cidadans galegas/os teñen dereito a teren satisfeitas as suas necesidades enerxéticas. A administración galega garantirá a elaboración dun plano de aforro e eficiencia enerxética comprometéndose a non ocupar e degradar tanto espazos naturais protexidos como aqueles de interese paisaxístico, ecolóxico ou cultural que aínda non o están, e a ir liberando progresivamente e restaurando os actualmente ocupados. A administración galega promoverá o uso das enerxías renovábeis e a substitución das non renovábeis, comezando polas instalacións e organismos públicos.

5.- Paisaxe. A cidadania galega ten dereito a desfrutar das súas paisaxes, tan variadas, ricas, e en muitos casos únicas. Aplicaranse as figuras de proteción necesarias para garantir este dereito, criando novas figuras de protección se for necesario. O Parlamento galego elaborará unha Lei da Paisaxe na que se recollan as principais unidades que a compoñen, e se estabelezan os mecanismos para a súa protección, conservación e usos sostíbeis.

6.- Biodiversidade. Deberá garantirse o dereito a conservación da nosa biodiversidade, tanto polo que respeita ás especies con rendibilidade económica como aquelas especies que non teñan rendibilidade directa recoñecida, en aplicación do principio da ética biocéntrica e en cumprimento do acordo internacional de conservación da biodiversidade (especies, ecosistemas, e fundo xenético). Neste senso merece especial atención o impacto da extensión das especies alóctonas e xenéticamente modificadas, que poñen en risco a continuidade xenética e a viabilidade das especies autóctonas galegas.

7.- Xeodiversidade. Deberá garantirse a protección do noso patrimonio xeolóxico, extendendo a declaración de Monumentos Naturais a aquelas das manifestacións xeomorfolóxicas, petrolóxicas, estruturais e paleontolóxicas características, tan espectaculares e peculiares de Galiza. Estes elementos únicos teñen o carácter irrepetíbel e a súa destrucción é irreparábel, polo que as administración ten a obriga de protexelos, conservalos e divulgar o seus usos científicos e educativos.
8.- Educación Ambiental. A formación dos/as cidadáns/ás no coñecimento e respeito ao ambiente será potenciada pola Administración Galega favorecendo a adquisicion de hábitos, actitudes e valores ambientais. Esta Educación Ambiental irá dirixida á povoación en xeral e non estará limitada exclusivamente a aquela franxa de idade que está na etapa educativa regrada, na crenza de que non se pode valorar o que non se coñece.
9.- Dereito á vida e dereito á morte digna. Todos os habitantes da Galiza terán dereito á unha vida plena, e tamén a unha morte digna. A Administración porá a disposición das/os cidadáns os recursos necesarios para o cumprimento destes dereitos.

10.- Prevención e seguranza. A cidadania ten o dereito á ser resgardada de todos os posíbeis riscos naturais e tamén de calquera outro risco que poida ser previsíbel, reducindo a perigrosidade, vulnerabilidade e a exposición dos seres vivos. As administracións garantirán a aplicación dos principios de Precaución e ALARA no tocante aos posíbeis efeitos sobre a saúde e o contorno dos aparellos e procesos tecnolóxicos.
11.- Portugal. Dado o mantemento de tantas ligames físicas, sociais e culturais, e a potencialidade enorme da relación económica con Portugal, Galiza debería estabelecer un marco de relación, non só limitado á Regiao Norte, mais a todo Portugal. Isto ponse especialmente de manifesto na continuidade ambiental. A declaración de Parque Nacional Galego-Portugués do Minho Internacional, e doutros sitios relevantes como O Gerês-Xurés, Montesinhos... etc. son importantes e urxentes.Tamén, nesta mesma liña as relación con outras rexións e territorios limítrofes da mesma unidade natural é dunha importancia transcendental para a súa viabilidade (Pena Trevinca-Sanabria-Seabra, Courel-Ancares-Bierzo, etc.)

FIGURAS E INSTRUMENTOS QUE GARANTAN ESTES DEREITOS.

1.- Valedor/a da Terra. O Parlamento criará esta figura a través da correspondente Lei. Terá como misión garantir a defensa da Diversidade Natural (Biodiversidade e Xeodiversidade) en aplicación dunha ética biocéntrica, e dos dereitos antes ditos. Tamén velará polo cumprimento do principio do Desenvolvimento Sustentábel e Perdurábel, segundo a xa mencionada solidariedade sincrónica (cos nosos coetáneos/as) e diacrónica (coas xeracións futuras e de respeito ás pasadas). Non só temos a Terra herdada dos nosos pais/nais, témola emprestada dos nosos/as fillos/as. Esta/e Valedora/or terá ao seu cargo garantir todos os dereitos en materia medioambiental, tanto os elaborados en Galiza, como na España ou na Europa, ou aqueles que abranxan o ámeto internacional, velando polo seu cumprimento.
O Valedor/a da Terra será escollido/a polo Parlamento por maioria cualificada. Supervisará as actuacións da Administración polo que atinxe á sua responsabilidade, e será de fácil acesibilidade pola xeralidade da cidadania, dando contas ao Parlamento.

2.- Consello Ecolóxico e da Sustentabilidade. Deberá criarse un consello consultivo acerca de desenvolvimento humano, económico e social baseado na sustentabilidade dos procesos tecnolóxicos e económicos, para garantir unha acción de governo transversal a todas as áreas baseada no equilibrio territorial, ambiental, social e económico. Este Consello pode ser independente ou traballar en colaboración co Consello Económico e Social. Esta nova instancia pode ser vista tamén como unha remodelación do CES, adquirindo amáis de Económico e Social as novas dimensións de Ecolóxico e da Sustentabilidade.

3.-Planificación territorial. A distribución territorial de Galiza non garda relación con a distribución natural das comarcas ou bisbarras, nen coa diversidade ambiental. Potenciarase o desenvolvimento e persoalidade das coamarcas naturais, para alén da artificialidade ambiental das provincias administrativas.
O Parlamento de Galiza aprobará un mapa comarcal e de áreas susceptíbeis de seren utilizadas para aproveitamento enerxético (eólico, hidráulico, solar), seguindo un rigoroso criterio de sustentabilidade ecolóxica e de protección da Diversidade Natural. A Rede Natura 2000 será obxecto de especial atención co obxectivo de conquerir a afectación cero. Procederase a unha necesaria ampliación para garantir a viabilidade dos nosos hábitats e especies de interese europeo.

4.-Patrimonio.
Son patrimonio da Galiza os seus recursos naturais, rios, augas superficiais, lagoas, augas soterradas, monumentos naturais, zonas da beiramar, ata 300 mts da pleamar, augas litorais, rías incluidas, así como calquera área definida especialmente sob a protección da administración galega. A administración velará pola especial protceción deste patrimonio, comprometéndose a facer del o motor de desenvolvimento e mellora de vida, nomeadamente polo que respeita ás poboacións mais intimamente ligadas a lugares obxecto de especial protección. As poboacións asentadas en Parques Naturais, ou zonas protexidas gozarán de privilexios relativos a suministro eléctrico, informático, fiscalidade e axudas especiais para a promoción educativa e formativa.

5.- Axendas 21. A administración galega promoverá a suscrición da carta de Aalborg por todos os concellos galegos en cumprimento dos acordos do Cumio de Rio 92, para inserir os principios e criterios do desenvolvimento sustentábel a nível das administracións locais.
Adela Figueroa Panisse, presidenta de Adega