Skip to main content

O presidente da Xunta afirma que se está a producir un cambio positivo de tendencia nos indicadores económicos da comunidade autónoma

O presidente da Xunta sinalou que os indicadores económicos dos últimos meses permiten facer pensar nun cambio na tendencia económica de Galicia e no cumprimento dos obxectivos en materia de economía fixados polo Goberno galego para 2006. Touriño fixo esta valoración na rolda de prensa posterior á celebración do Concello da Xunta ao ser preguntado sobre os datos feitos públicos polo INE, que amosan que no período comprendido entre 2000 e 2006, a economía galega foi a terceira que menos creceu dentro do conxunto de España.

O presidente galego fixo unha primeira “reflexión inevitable” en relación a estes datos que se desprenden do INE ao sinalar que “desmenten o triunfalismo do anterior Goberno” e confirman as críticas que el mesmo tantas veces realizara desde a oposición.

Sen embargo, o presidente da Xunta fixo referencia a datos concretos, que se derivan dos indicadores macroeconómicos, e que reflicten un cambio de tendencia na economía da Comunidade Autónoma. A partir de aí, desta realidade que está a mudar, Touriño dixo que se xera “un clima de confianza” que permite facer pensar que Galicia pode acadar o obxectivo de converxencia coas economías española e europea nun prazo reducido de tempo.

Crecer nos termos previstos

A este respecto, o presidente referiuse ao optimismo razoable que existe de que a Comunidade Autónoma poida crecer nos termos previstos para este ano. “Hai indicadores de referencia que o acreditan”, apostilou, e referiuse concretamente ao descenso da taxa de paro, particularmente salientable en termos interanuais; ao aumento do 7,5 por cento da produción industrial en febreiro; ao incremento das exportación en máis dun 15 por cento en relación ao ano pasado; á constante creación de novas empresas; e á suba das afiliacións á Seguridade Social.

Segundo salientou o mandatario autonómico, estes datos “fannos pensar que estamos a traballar na dirección axeitada” e “se seguimos a promover a aposta pola formación, pola investigación, polo capital humano e pola tecnoloxía” ao tempo que “aproveitamos o escenario de crecemento económico que está a ter España “ a tendencia rexistrada nos últimos anos, á que fai referencia o INE, mudará definitivamente.

Crecemento da renda dispoñible

Touriño non quixo pasar por alto un dato que se desprende desta mesma estatística. Galicia foi unha das autonomías españolas nas que máis creceu a renda dispoñible. Segundo aclarou Touriño, a diferenza do crecemento económico puro e duro, a renda dispoñible inclúe as transferencias sociais. É dicir como os cidadáns perciben, no seu peto, o crecemento económico. “O efecto redistribuídor de rendas si que se cumpriu por parte do Estado nos últimos dous anos”, matizou Touriño. Isto mellora, segundo o titular do Goberno galego, a tendencia negativa rexistrada nos 5 anos anteriores.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia