Skip to main content

Pesca investirá máis de medio millón de euros na recuperación dos bancos marisqueiros dos lombos do Ulla e do Bohído

O Consello da Xunta autorizou a sinatura de dous convenios de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e o Centro Tecnolóxico do Mar para avanzar na recuperación dos bancos marisqueiros dos Lombos do Ulla e O Bohído. Carmen Gallego comunicoulle aos seus compañeiros de Goberno que o departamento que ela dirixe investirá, durante o 2006, 565.000 euros para levar a cabo diversas actuacións coas que mellorar a produción das especies de interese comercial nestas zonas de libre marisqueo.

Lombos do Ulla

A Consellería de Pesca, consciente dos problemas cos que se atopaba o
sector ante a falla de produtividade do banco natural da desembocadura do
río Ulla, está a desenvolver dende o ano 2003 un plan piloto para o control
e xestión integral da zona, co que se conseguiu optimizar as condicións de
explotación e recuperar os niveis de produción dos seus recursos
marisqueiros. Tras este primeiro período, a Dirección Xeral de Recursos
Mariños cre necesario iniciar unha segunda fase, coa que se pretende
consolidar o nivel produtivo acadado e transferir o modelo de xestión ao
sector para que sexa este quen lidere o plan.

Neste senso, e a través do convenio aprobado, a Fundación Cetmar
comprométese a avaliar e cartografiar o stock reprodutor e o reclutamento
das especies do banco marisqueiro durante a primavera; facer un seguimento
da actividade extractiva na campaña de outono, así como asesorar ás
confrarías para levar a cabo o deseño do plan de explotación. A
Consellería, pola súa banda, destinará o persoal que sexa necesario para
continuar coas labores de recuperación e achegará, para súa utilización
conxunta con Cetmar, a embarcación “Pilarín” como medio de apoio.

A titular de Pesca anunciou no Consello da Xunta que este convenio terá
vixencia ata o 30 de decembro do 2006 e contempla unha inversión de 206.065
euros.

O Bohído

A partir da experiencia acadada na xestión dos bancos dos Lombos do Ulla, a
Consellería de Pesca elaborou un plan de actuación para aplicar na zona
de O Bohído ao constatarse tamén aquí unha merma progresiva na
produtividade dos recursos. Carmen Gallego asinará agora un novo convenio
co Cetmar para conseguir consolidar a recuperación deste banco, para o que
anunciou un investimento inicial de 358.935 euros.

Ao abeiro deste convenio, o Centro Tecnolóxico do Mar comprométese a
avaliar e cartografíar o stock reprodutor da zona, ademais de valorar o
reclutamento das especies de interese comercial durante a primavera.
Asemade, os técnicos levarán a cabo mostraxes que permitan facer un
seguimento tanto da mortalidade como do crecemento das ameixas fina, babosa
e bicuda. Finalmente, o acordo contempla o mantemento do sistema de
vixiancia e control do Bohído.

Pesca asina un convenio con Cetmar para o seguimento das pesquerías de baixura en Galicia

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos asinará un convenio co Centro Tecnolóxico do Mar Fundación Cetmar para o estudo das diferentes pesqueirías presentes nas augas galegas. O acordo, dotado cun importe económico de máis de 800.000 euros, ten como obxectivo controlar a situación dos stocks das especies e a eficacia e selectividade das artes de pesca.

Para a execución deste convenio contituirase unha Unidade Técnica de
Pesca de Baixura, formada por técnicos da Consellería de Pesca e do Cetmar,
que realizará mostraxes sistemáticas durante as faenas de pesca a bordo das
embarcacións de baixura, nas lonxas ou en calquera punto do litoral
galego, e que fará o posterior tratamento e eleaboración dos datos obtidos
e realizará os informes técnicos a partires dos mesmos.

En virtude do acordo aprobado polo Consello da Xunta, o Centro
Tecnolóxico do mar colaborará na planificación e posta en marcha das
campañas de mostraxe, en función das previsións de actividade pesqueira e
das necesidades de información postas de manifesto pola Consellería de
Pesca. Asimesmo, proporcionaralle ao departamento que dirixe Carmen Gallego
todos os datos obtidos nas mostraxes, así como as incidencias
salientables durante a súa obtención, e participará, xunto cos técnicos
designados por Pesca, no deseño e implementación dos protocolos,
procedementos e medios técnicos para a obtención e elaboración dos datos
obtidos. Por último, a Fundación Cetmar comprométese a levar a cabo as
accións de difusión dos resultados que se acorden na Unidade Técnica de
Baixura e a facer un seguimento conxunto coa Consellería no
desnvolvemento das accións.

Pola súa banda, a Consellería de Pesca participará nos custos da
realización do proxecto e realizará un seguimento das accións que se
levan a cabo, tomando as medidas que considere oportunas para o seu normal
desenvolvemento. Para a consecución dos obxectivos do convenio, destinarase
a cantidade de 807.307 euros, da que un 80% corresponde ao finazamento
procedente de Fondos IFOP, un 10% será financiado pola Administración Xeral
do Estado e o 10% restante pola Xunta de Galicia.

O acordo, que contempla a creación dunha comisión de seguimento para
resolver as dúbidas que xurdan na interpretación do mesmo, terá vixencia
ata o 31 de decembro de 2006 e conta coa colaboración dos profesionais do
sector da baixura, xa que os traballos dos técnicos se levan a cabo
precisamente durante as faenas habituais de pesca.

Os estudos como o que vai a realizar o Cetmar forman parte fundamental da
obtención de datos mediante mostraxes que se realizan nos barcos de pesca,
datos que máis tarde se elaboran e integran nunha base común, se
implementan nun sistema de información xeográfica e serven para a
elaboración dos informes técnicos que a Consellería de Pesca e Asuntos
Marítimos demanda. Á vista dos resultados destes traballos adóptanse as
medidas de control do esforzo pesqueiro como poden ser as paralizacións
temporais da actividade, a fixación de novos topes máximos de capturas ou a
veda en determinadas zonas, dependendo de cómo se atope o recurso obxecto
do estudo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia