Skip to main content

Emilio Pérez Touriño salienta a contribución de Ernest Lluch á creación do actual sistema sanitario solidario, accesible, universal e público

O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, gabou a figura do académico e político Ernest Lluch, salientando, principalmente, a súa contribución á creación do actual sistema sanitario de saúde. “Si, hai unha idea principal que o define e é que foi un gran reformador; da estirpe dos grandes reformadores”, sinalou Pérez Touriño, subliñando que precisamente foi Ernest Lluch quen, sendo ministro do ramo, “pilotou os inicios da reforma sanitaria coa elaboración da Lei Xeral de Sanidade” que “converteu a saúde nun dereito”.

No acto de homenaxe a Ernest Lluch celebrado en Santiago, durante o cal se inaugurou un busto de Buciños na súa memoria, o máximo mandatario autonómico lembrou que, precisamente este mes, se cumpren vinte anos desde a aprobación da Lei Xeral de Sanidade. Vinte anos, ao seu entender, que representaron a construción dun sistema sanitario “solidario, accesible, universal, público, no que os valores da equidade, de eficacia, de eficiencia e de efectividade marcaron unha senda que fai que hoxe contemos cun dos mellores sistemas de saúde do mundo”, indicou.

Neste sentido, Pérez Touriño quixo deixar constancia da “absoluta vixencia” que segue a ter na actualidade a Lei de Sanidade impulsada por Ernest Lluch, unha norma que, segundo salientou, “desenvolve o concepto constitucional que consagra a protección da saúde como un dos dereitos fundamentais de todos os cidadáns”.

Universalización da asistencia e novo modelo de xestión

“A Lei Xeral de Sanidade supuxo a universalización da asistencia sanitaria”, remarcou o presidente da Xunta lembrando que, anteriormente, cinco millóns de españois non tiñan dereito á asistencia sanitaria e que esta norma propiciou que os orzamentos de sanidade pasaran de pouco máis de 600.000 millóns de pesetas en 1983 a máis de catro billóns e medio en 1996.

“Introduciu a xestión moderna nos hospitais sen abandonar o ámbito do público, sen deixarse engatusar polos cantos de serea de supostos liberalismos aparentemente modernizantes, e puxo en marcha un novo modelo de atención primaria que cambiou cualitativamente a calidade da asistencia aos cidadáns, e que non é senón agora que, por desgraza, aínda estamos a rematar en Galicia”, engadiu o presidente galego referíndose a Lluch e á Lei Xeral de Sanidade.
De igual xeito, Pérez Touriño sinalou tamén que esta lei sanitaria sentou as bases dun “dos mellores sistemas sanitarios do mundo” e recolleu o deseño dos servizos de saúde das Comunidades Autónomas, transformando “un sistema de Seguridade Social nun Sistema Nacional de Saúde financiado por impostos e non por cotas, moito máis xusto, moito máis redistributivo, un factor clave de cohesión social”.
“En fin –sinalou xefe do Executivo galego-, a Lei Xeral de Sanidade converte o Sistema Nacional de Saúde na xoia da coroa do Estado de Benestar, como teño dito moitas veces”. “Unha achega que nestes momentos estamos a punto de completar e ampliar coa próxima entrada en vigor da Lei de Dependencia”, concluíu.

Compromiso coa España “libre e aberta”

Ademais de salientar de xeito especial a contribución de Ernest Lluch á Lei Xeral de Sanidade, o titular do Goberno galego tamén se referiu á súa “dedicación académica e a acción política”. “O seu compromiso cunha España libre e aberta está na súa obra e está tamén na súa vida”, sinalou Pérez Touriño, lembrando que Lluch foi, ademais, “un loitador pola democracia, vítima primeiro da intolerancia franquista e despois da brutalidade e a senrazón do terrorismo”. “Quédanos o consolo de saber que o seu sacrificio non foi en vano”, sinalou o máximo mandatario galego lembrando que hoxe, “nestes momentos de esperanza, de principio do fin da violencia e do trunfo da democracia sobre o terror, a figura de Ernest Lluch agrándase e configúrase como un símbolo tráxico da razón e a palabra fronte a estupidez e a barbarie”.

Por último, o presidente da Xunta considerou que Ernest Lluch ben é merecedor de levar o nome de “bo e xeneroso”, como sostiñan os vellos galeguistas. “Hoxe afirmo aquí, en nome dos galegos, que Ernest Lluch pertence aos bos e xenerosos”, concluíu Emilio Pérez Touriño.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia