Skip to main content

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación realizará o seguimento da extensión da banda ampla en Galicia

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Ramón Bermúdez de Castro, asinaron en Santiago un acordo marco de colaboración para a realización do seguimento da extensión da banda ampla en Galiza. A Asociación será a encargada de analizar o grao de cumprimento dos plans de despregue de banda ampla que se están desenvolvendo en Galiza e as comprobacións referiranse tanto ao cumprimento de prazos previstos no despregue como ás tecnoloxías empregadas e anchura de banda.

Así mesmo, a asociación presidida por Bermúdez de Castro comprobará as deficiencias observadas pola Consellaría no tocante tanto ás infraestruturas de banda ampla, como á prestación do servizo universal de telefonía e, partindo da información da que dispón Innovación e Industria, realizará o deseño dunha aplicación informática que permita ter un mapa de redes dinámico que facilite a información sobre o estado e avance da extensión da banda ampla no país. Por último, a AETG elaborará un informe trimestral sobre o estado da arte das tecnoloxías de telecomunicación e a conveniencia de instalar e/ou substituír as previstas nos diferentes planos que se estean desenvolvendo.

As distintas actuacións a desenvolver concretaranse a través de convenios específicos nos que se definirán as tarefas a levar a cabo, os seus prazos de execución (para permitir un seguimento puntual das mesmas) e a contía que se orzamente para cada unha delas.

Para a Consellería de Innovación e Industria resulta de vital importancia a elección da tecnoloxía a empregar en cada ámbito na extensión da banda ampla polo que quere contar coa colaboración da AETG neste labor, partindo da consideración xeral de que as redes de comunicacións e os sistemas de acceso, tanto a empresas como a cidadáns, son esenciais para o desenvolvemento da Sociedade da Información, un dos obxectivos prioritarios para o departamento dirixido por Fernando X. Blanco.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia