Skip to main content

O Parlamento aproba por unanimidade o primeiro Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o Primeiro Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento. Este documento estratéxico, o primeiro realizado na nosa Comunidade neste eido, servirá para ordenar e potenciar as accións de axuda ao desenvolvemento que leve a cabo a Xunta de Galicia entre 2006 e 2009.

Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior, defendeu unha acción “transformadora e de calidade” na súa defensa deste Plan ante a Comisión Primeira da Cámara autonómica. Na súa intervención, asegurou que esta proposta será a base da “actuación” e do “compromiso fundamental” da Xunta “na loita contra a pobreza e as súas causas”.

O documento aprobado pola cámara autonómica expón, ao longo de oito capítulos, unha diagnose da situación da cooperación en Galicia, a misión e os principios que orientarán a acción de axuda, os sete obxectivos xerais e os 38 específicos que a concretan, as prioridades xeográficas, sectoriais e transversais, así como os medios e o orzamento para levala a cabo.

Sotelo advertiu na súa intervención que “Galicia realiza actividades de cooperación internacional de xeito regulado e sistemático dende 1994” e que conta “cun sistema de limitado percorrido, experiencia e vocación estratéxica”. A este respecto, asegurou que o sector “precisa urxentemente do seu fortalecemento técnico, institucional e financeiro” e que a Administración autonómica traballará para fortalecer aos actores do sistema galego de cooperación, para acadar unha máxima integración e de traballo conxunto e para mellorara a formación e calidade técnica de todos eles.

Sistema forte e efectivo

A directora xeral avogou por acadar “un sistema galego de cooperación forte, esixente, integrado, independente, recoñecido no mundo e orientado a transformar unha realidade obxectivamente inxusta” e comprometeu un “incremento dos recursos” da Xunta destinados á axuda ao desenvolvemento para acadar o 0,4% dos orzamentos da Administración galega en 2009.

Prioridades sectoriais e territoriais

As liñas principais recollidas no I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 artéllanse segundo dous criterios: o sectorial e o territorial. A especialización sectorial, tendo sempre como obxectivo fundamental a loita contra a pobreza e as súas causas. Sete son os sectores identificados como prioritarios:

a. A Cobertura das necesidades sociais básicas
b. Infraestrutura e promoción do tecido económico
c. Participación social
d. Desenvolvemento institucional e bo goberno
e. Investimento no ser humano
f. Protección e mellora do medio ambiente e traballo a prol do desenvolvemento sostible
g. Sensibilización e a educación para o desenvolvemento.

No relativo á priorización segundo áreas xeográficas, e coa finalidade de concentrar as actuacións dos diferentes axentes da cooperación, tratando deste modo de favorecer o impacto positivo no desenvolvemento das poboacións coas que se traballa. Os países considerados prioritarios para a Cooperación galega son:

América do Sur: Perú, Bolivia, Ecuador.
Centroamérica: Guatemala, Nicaragua, Honduras e O Salvador.
Caribe: Cuba, República Dominicana e Haití.
África: Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal.

Así mesmo, e tendo en conta as relacións de solidariedade e débeda histórica que dende moitos sectores da sociedade galega se manteñen coa poboación dos campamentos saharauís, estes terán a mesma consideración cun pais prioritario.
Asumindo as enmendas presentadas polos tres grupos parlamentarios, o Plan Director incorpora a esta priorización xeográfica a Arxentina, Uruguai e Venezuela como “países preferentes” da acción solidaria galega.

Documento de consenso

Este Plan foi aprobado esta tarde polas tres forzas políticas que compoñen a Cámara galega. Nel recóllense as 10 enmendas propostas tamén de xeito conxunto polos tres grupos parlamentarios. Segundo estas modificacións, o Plan Galego de Cooperación ao Desenvolvemento terá en conta a experiencia dos colectivos de emigrantes e, nas súas accións, incentivará mediante subvencións a participación máis activa das administracións locais nas accións a prol do desenvolvemento, incorporará como prioridades sectoriais a innovación, a industria e o turismo e establecerá como cota máxima do total do orzamento as actuacións destinadas aos 17 países prioritarios.

O contido deste documento foi elaborado contando coa participación de todos as entidades e organismos vinculados á cooperación ao desenvolvemento en Galicia. Sotelo destacou que foi precisamente ese “espírito de integración” que permitiu que o pasado e 6 de febreiro os tres órganos de participación e consulta previstos na lei de cooperación informaran favorablemente do seu contido.

Estes tres organismos son a Comisión Interdepartamental de Cooperación ao Desenvolvemento (CINCODE) -integrada por representantes de todas as consellerías da Xunta de Galicia-, a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE) -conta coa participación de representantes dos departamentos de Administración Local, Facenda, Pesca e Medio Ambiente da Xunta de Galicia, así como con membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL) e da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)- e, finalmente, o Fondo Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE), presidido pola directora xeral de Cooperación Exterior e que conta con representación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, das consellerías de Presidencia, Economía e Facenda, Educación e Ordenación Universitaria, Sanidade, Pesca e da secretaría xeral de Emigración, ademais de vogais representantes do FOGACOSOL, Confederación de Empresarios de Galicia, Fundacións de Caixas de Aforros, organizacións sindicais, Comunidades galegas no exterior, Coordinadora galega de ONG´s para o desenvolvemento, universidades galegas e expertos na materia.

Cumprimento da Lei de Cooperación

Este plan da cumprimento ao mandato da Lei de Cooperación para o Desenvolvemento, aprobada por unanimidade na cámara autonómica en xuño de 2003 que establece como prioridade a elaboración dun plan director cuadrienal no que se establezan os principios, obxectivos estratéxicos e prioridades xeográficas e sectoriais que deberán rexer a política galega de cooperación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia