Skip to main content

A Dirección Xeral para o Deporte patrocina a I Milla Popular Praia de Samil, que ten lugar o 11 de xuño

A I Milla Popular “Praia de Samil”, organizada polo Club de Atletismo Veteran@s de Samil e patrocinada pola Dirección Xeral para o Deporte, celébrase o día 11 de xuño polo areal da praia de Samil aproveitando a baixamar.

Tivo lugar o acto de presentación desta nova proba, no que participaron a presidenta do club organizador, Montse Martínez; o representante da Delegación da Federación Galega de Atletismo, Alejandro Costas; a concelleira de Deportes de Vigo, Lucía Molares, e o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira.

A presidenta do Club de Veteran@s explicou a singularidade desta proba: “Permítenos conxugar a beleza do atletismo coa beleza do marco incomparable no que se disputará esta proba”. Comeza ás 10 da mañá, aproveitando a baixamar, e constará de 6 millas, 4 delas populares e dúas probas raíñas (masculina e feminina).

Pola súa banda, o director xeral para o Deporte destacou que “detrás desta iniciativa hai moita ilusión e un gran traballo para traer a Vigo e Galiza cousas novas, distintas, das que nos sintamos orgullosos”. O máximo responsábel do Deporte Galego destacou que o día 11 de xuño “imos vivir unha gran festa do atletismo, ademais de reivindicar as nosas riquezas naturais”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia