Skip to main content

Emigración porá en marcha un programa piloto para aplicar a nova Lei de Dependencia entre os galegos e galegas do exterior

A Secretaría Xeral de Emigración, baixo o obxectivo de aplicación de políticas tendentes a equiparar en dereitos a toda a cidadanía galega independentemente de onde resida, porá en marcha nas próximas semanas un programa piloto, denominado Alento, que permita aplicar a Lei de Dependencia, recentemente aprobada no Congreso dos Deputados, e dese xeito actuar sobre os galegos emigrantes que teñen limitada a súa autonomía persoal. A Secretaría considera que as persoas con dependencia funcional gozan dos mesmos dereitos que o resto de cidadáns, pero na práctica a vulnerabilidade da súa situación dificulta o exercicio dos mesmos, razón pola cal este colectivo precisa da concreción dos dereitos que lle corresponden.

A Secretaría de Emigración pretende desenvolver un sistema de atención a persoas dependentes que abra novos dereitos á cidadanía galega residente no exterior e fortaleza os valores e principios que inspiran a sociedade do benestar. O programa Alento, que conta como marco de referencia para a súa aplicación coa Lei de Dependencia, atopa a súa xustificación no elevado grao de envellecemento da poboación galega, e especialmente da residente na emigración, onde se rexistra un incremento importante do cidadáns con idades superiores aos 70 anos e dependentes dunha terceira persoa para realizar as tarefas básicas da vida diaria.

Alivio familiar

Esta experiencia piloto, cuxo país de actuación determinarase ao longo dos próximos días, contemplará accións no eido socio-sanitario que, dende unha perspectiva integral e normalizadora, dirixiranse a persoas no seu domicilio con dependencia, facilitando a permanencia no seu entorno de convivencia e evitando así a súa posible institucionalización. O programa prevé, asemade, prestar un servizo de apoio, alivio e descanso temporal nun centro xerontolóxico a persoas maiores con demencias, para contribuír tamén dese xeito ao respiro familiar.

Servizos de fisioterapia

A formación de coidadores será outro dos apartados do desenvolvemento que a Secretaría quere facer da Lei de Dependencia no exterior. Neste sentido, realizaranse dúas modalidades de cursos, unha dirixida a coidadores e coidadoras de persoas dependentes sen limitacións psicolóxicas, e outra dirixida a coidadoras e coidadores de persoas dependentes con algún tipo de demencia.

A aplicación experimental da Lei de Dependencia na Galicia exterior prevé a posta en marcha dun servizo de atención fisioterapeuta a domicilio a persoas que padezan unha situación de gran dependencia.

A Secretaría Xeral de Emigración, que desenvolverá o programa piloto en colaboración coa Fundación Galicia Emigración, facilitará por último o préstamo temporal de cadeiras de rodas e camas ortopédicas.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia